Partido Popular de Lugo

Castiñeira establecerá unha tarifa plana de 1 euro diario para utilizar, sen ningún límite, o transporte público e así duplicar o número de viaxeiros dos autobuses

Lugo, 16 de maio de 2011.- O candidato popular á alcaldía de Lugo Jaime Castiñeira anunciou que, se é elixido alcalde, fará unha completa remodelación do transporte público urbano para duplicar o seu número de viaxeiros e, dese xeito, que os lucenses “collan o bus por comodidade e non por necesidade”.

O popular establecerá bonificacións como que o billete normal dea a posibilidade de facer transbordos ilimitados durante unha hora. Tamén haberá bonos diarios de 1 euro que permitirán aos viaxeiros subir e baixar cantas veces queiran, así como facer os transbordos que precisen. Ademais, seguirán existindo os bonos mensuais coa mesma filosofía de transbordos gratuítos.

Esta medida compleméntase coa posta en funcionamento de dous microbuses eléctricos pola ronda da Muralla para enlazar o resto das liñas coa ronda. Deste xeito, reducirase o percorrido das liñas, que neste momento, van, nalgún caso, do norte ao sur do Concello. En lugar deste modelo, Castiñeira aposta por traxectos máis curtos que garantan unha maior frecuencia, maior puntualidade e un mellor funcionamento, así como por reforzar determinadas liñas a horas punta, como pode ser o caso do polígono do Ceao, do novo hospital ou da universidade.

O popular opina que a flota de autobuses “é máis que aceptable”, polo que hai que saber sacarlle o partido que Orozco non foi capaz, partindo da premisa de que os buses baleiros custan máis que cheos, xa que o canon que hai que pagarlle á empresa é similar, con independencia do número de ocupantes do vehículo. Para facer o transporte público máis atractivo, Castiñeira vai dotar ás paradas e aos propios vehículos de tecnoloxía WIFI (Internet sen fíos).

Ademais da mellora medioambiental que suporía a redución de vehículos na rúa, un bo funcionamento dos autobuses levaría a que o aparcamento de automóbiles particulares fose máis doado e, incluso, a poder habilitar aparcadoiros disuasorios nalgún punto da cidade. 

A completa remodelación do transporte público forma parte dun verdadeiro Plan de Mobilidade, feito “dende Lugo para Lugo”, en lugar de encargalo a unha empresa catalana que cobrou 120.000 euros por un documento que agora dorme nun caixón.

O Ceao.- Castiñeira concretou o anuncio durante un traxecto en autobús urbano que o levou dende o edificio dos Sindicatos ata o Polígono do Ceao, onde estivo por segunda vez no que vai de campaña para visitar varias empresas e repartir información. Ademais, aproveitou para lembrarlles algún dos compromisos adquiridos en relación con esta área industrial:

·     Un aparcamento para 100 trailers, que libere prazas de aparcadoiro para vehículos
·     Vixiancia nocturna para O Ceao
·     As cámaras de vixiancia, que na actualidade son fixas, pasarán a ser móbiles e estarán sempre seguidas dende a Sala de Control do Tráfico e en contacto permanente coa Policía Local

Dende logo, “o modelo do PP non é derrochar 720.000 euros nun parque de enerxías alternativas levantado en zona verde e que non funciona”, zanxou.