Partido Popular de Lugo

Castiñeira compromete cobertura móbil e Internet, un Plan de Mantemento de pistas e Inspeccións Técnicas de Edificios gratis para o rural

Lugo, 15 de maio de 2011.- O candidato popular á alcaldía de Lugo Jaime Castiñeira anuncia que, no caso de gobernar, dotará á zona rural de cobertura de telefonía móbil e de Internet, xa que preto dun terzo das parroquias, nas que residen máis de 2.500 veciños, carecen de posibilidades de utilizar telefonía móbil. No caso da rede, son un 60% as parroquias que non gozan desta tecnoloxía, polo que Castiñeira se compromete a asinar convenios con operadoras privadas que levan ao rural estas tecnoloxías “imprescindibles para o século XXI”.

Outra medida, enmarcada dentro do programa Lugo Renóvate, é a de establecer a gratuídade das Inspeccións Técnicas de Edificios, xa que, a xuízo do popular, non deben existir discriminacións. Lembrou que no casco histórico as revisións se realizaron de xeito gratuíto, mentres que nos barrios e as parroquias os veciños están a telas que pagar. A gratuídade das ITEs compleméntase cun programa de axudas de ata 1 millón de euros para arranxos e adecentamento nas casas, o que representará un movemento económico de preto de 6 millóns de euros.

Ademais destes dous compromisos, Castiñeira realizará un Plan de Mantemento de pistas para os preto de 1.000 quilómetros de pistas da zona rural (preto de 300 quilómetros inda sen alquitranar) e actuar neles “de xeito priorizado e ordenado, e non a golpe de eleccións” para garantir un estado de conservación axeitado. Tamén modificará o sistema de recollida de plásticos para pechar os actuais puntos que proliferaron sen que o goberno local fixera nada por evitalo, co risco medioambiental e de incendios que supoñen. Substituiraos por unha recollida periódica, na que tamén se levarán os residuos non domésticos (colchóns, mobles, etc.)

Castiñeira porá en marcha un paquete de medidas co obxecto de facer do rural unha zona atractiva para favorecer o mantemento e o asentamento da poboación, así como para reequilibrar os barrios e o rural co centro histórico, un dos seus cinco piares de programa (xunto ao emprego, á economía, á seguridade e á prestación de servizos sociais), e que comprenden as seguintes:

·     Melloras no saneamento para levalo a máis parroquias (das 15 ás que Orozco prometía dotar no seu programa electoral de 2007, só chegou a un núcleo e parte dunha parroquia)
·     Potenciar a dimensión turística do rural, con roteiros turísticos
·     Unha programación anual de desbroces

Por último, o popular quixo lembrar a pouca importancia que o goberno local lle concede á zona rural, o que se reflicte nos orzamentos, dado que en 2011, de cada 100 euros presupostados, só chegan á zona rural 0,89 euros. Nesa liña, salientou que, no último ano, Orozco gastou máis en bares (en referencia ás construcións da cafetería do Parque e do CEI-Nodus) que nas 54 parroquias xuntas.