Partido Popular de Lugo

Castiñeira anuncia un plan de emprego, unha bolsa de vivendas baleiras para facilitar o alugueiro xuvenil e melloras na seguridade nocturna

Lugo, 15 de maio de 2011.- O candidato popular á alcaldía de Lugo Jaime Castiñeira anunciou esta noite pasada que, se é elixido alcalde o vindeiro 22 de Maio, creará unha bolsa de vivendas baleiras para facilitar o alugueiro xuvenil, en colaboración con outras administracións públicas e a iniciativa privada.

A medida complementarase cunha liña de avais que, ao tempo que dan maior seguridade de cobro aos propietarios, faciliten a saída ao mercado de alugueiro de vivendas que hoxe en día están pechadas.

Este anuncio fíxoo durante unha xuntanza coa mocidade á que convocou empregando as novas tecnoloxías. No transcurso do encontro, que tivo lugar nun pub da Rúa Castelao e baixo o formato de pregunta-resposta, co título de «Teño unha pregunta para Castiñeira», lembrou o seu compromiso de impulsar un Plan de emprego municipal para atallar a «insostible taxa de paro xuvenil, a maior de toda Europa».

Outra das preocupacións da mocidade é a inseguridade que sinten, especialmente de noite. Por iso, avanzou que mellorará a seguridade para que Lugo volva ser, tanto de día coma de noite, o Concello seguro que foi. 

Castiñeira tamén anunciou a colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela para a ampliación do horario da biblioteca Intercentros e, ademais, dar posibilidade de uso ao conxunto dos veciños do Concello. 

O popular explicou que, se é elixido rexedor, aumentará o apoio económico ás actividades das asociacións xuvenís e mellorará a rede municipal de equipamentos xuvenís, ao tempo que elaborará un plan de ocio alternativo que contemple actividades adaptadas ás necesidades e preferencias da xuventude de distintas idades para conseguir unha programación desestacionalizada e que o ocio se extenda máis alá do San Froilán para aproveitar a vantaxe que representará, ao longo do vindeiro mandato, ter un novo auditorio á disposición dos lucenses.