Lugo, 14 de maio de 2011.- O candidato popular á alcaldía de Lugo Jaime Castiñeira anunciou esta mañá que, no caso de ser elixido alcalde o vindeiro 22 de Maio, porá en marcha un plan de mantemento integral dos parques urbanos e periurbanos para devolver os paseos do Rato e o Miño ao seu esplendor inicial.
O popular, logo de realizar unha camiñata por parte do cinto verde do Concello e acompañado pola súa candidatura, lembrou que tanto o Paseo do Miño como o do Rato son obras de épocas populares que, «logo dunha nefasta xestión socialista», precisan de alguén «con capacidade» para adecuar os paseos.
Tamén dentro do capítulo medioambiental, o candidato salientou que «o coidado e o mantemento das zonas verdes é tan importante como a súa realización», e subliñou o mal estado no que se atopan tanto o Parque Marcos Cela como o dos Paxariños, xa que, logo de 10 meses das tormentas que os deixaron en tan mal estado, non se corrixiu a situación. Lembrou que o único esforzo de Orozco nos últimos tempos polo Parque dos Paxariños foi asegurar a varanda, que levaba varios meses caída, «ata 15 días antes das eleccións».
Máis medidas de carácter medioambiental.- Castiñeira tamén sinalou outros compromisos de tipo medioambiental que figuran no seu programa:
· A intensificación das campañas de sensibilización para fomentar a reducción, reciclaxe e reutilización de residuos.
· O impulso da recollida separada de papel-cartón e outras fraccións recuperables nos polígonos e outras zonas industriais do municipio.
· A revisión do funcionamento do punto limpo para facelo máis atractivo para os cidadáns e cidadás e crearemos un “punto limpo móbil”, así como puntos de recollida de pequenos electrodomésticos ou obxectos domésticos metálicos no contorno dos centros de convivencia.
· A creación dun plan de control de escombreiras e vertedeiros ilegais, en colaboración con outras entidades públicas e privadas.
· A unificación da sinalización das zonas verdes, e a conexión progresiva das máis próximas mediantes sendeiros para paseos, pasos elevados e outras solucións de enxeñería que garantan a seguridade e comodidade dos peóns ao permitirlles circular en itinerarios continuos de forma segregada ou totalmente independiente do tráfico rodado.
· A mellora dos servizos das zonas verdes e organizaremos nelas máis actividades lúdicas e deportivas.
· A posta en marcha de roteiros de BTT (bicicletas todo terreno) nas ribeiras do Miño, publicintándoos en webs especializadas e organizando encontros de aficioados.
Mitins da zona rural.-
Castiñeira tamén participou en catro mitins que se celebraron na zona rural: As Regas (17.00), Galegos (18.30), Ribas de Miño e Piñeiro (19.00) e san Xoán do Campo (21.30).