Castro de Rei, a 14 de maio de 2011.- O presidente provincial do Partido Popular recalcou hoxe durante o mitin celebrado hoxe en Castro de Rei no que, ademais do candidato á Alcaldía Francisco Balado, tamén participou Samuel Juárez, que o único modo de xerar emprego é dinamizando a actividade económica.
“Poucos empregos se poden crear se as empresas, os comercios ou os autónomos están botando o candado porque nin teñen carga de traballo nin poden chegar a fin de mes”, explicou. Por iso, segundo recalcou, é necesario “máis que nunca” que as administracións, todas as administracións, concentren os seus esforzos en respaldar á iniciativa empresarial, ós emprendedores, ós autónomos e as PEMEs que son, ó fin, os que sustentan as maiores bolsas de emprego estable e de calidade e axudalas tamén, ben sexa con apoio loxístico ou económico, a buscar novas alternativas, outras saídas.
Neste contexto, José Manuel Barreiro avogou por poñer en marcha dende a Deputación medidas específicas dirixidas a apoiar e financiar a modernización, a mellora da competitividade e internacionalización das PEMEs e por recuperar o obxectivo básico co que se puxo en marcha Suplusa e que non é outro que o de servir á dinamización empresarial da provincia a través da creación de suelo industrial. Neste punto, Barreiro lembrou que nestes catro anos ningún novo polígono industrial dos que este organismo tiña en carteira dende 2006 se puxo en marcha.
Tamén se amosou partidario de que Deputación e Xunta aúnen esforzos de cara a seguir potenciando o Plan Impulsa Lugo “que tan bos resultados está a dar”. Só dende a colaboración entre institucións seremos capaces de saír do socavón económico no que estamos metidos”, explicou.
O presidente dos populares lucense tamén “advertiu” sobre as “verdadeiras intencións dos que, puidendo facer, non fixeron e agora, próximas as eleccións, poñen palas a remover terra” en referencia ós proxectos anunciados para a granxa provincial por parte da Deputación. En consecuencia, preguntouse a razón pola que durante estes catro anos non se fixo nada a este respecto se “como din, tan importante e relevante vai ser para este concello a súa posta en marcha”.