Partido Popular de Lugo

O PP promoverá adicar un día festivo á muiñeira de Chantada

CHANTADA, 13 de maio de 2011.- Ramón Fernández Reinoso, candidato popular á Alcaldía de Chantada comprometeuse hoxe a dedicarlle un día festivo á Muiñeira de Chantada “en tanto que parte mais destacada do noso patrimonio inmaterial”. Esta festa será completada cun encontro bianual de música galega ao que acudirán os principais artistas do país.

O candidato do Partido Popular fixo este anuncio como prólogo á celebración do Día das Letras Galegas e co ánimo de presentar o programa que defende en materia de cultura. No eido musical, Fernández Reinoso, amais de grandes acontecementos, tamén pretende impulsar o cultivo das afeccións musicais por parte dos veciños de Chantada, de aí que se comprometa a facilitar o apoio do Concello ás agrupacións musicais locais, así como a fomentar a cultura musical entre a mocidade.

Igualmente terán o apoio da alcaldía do Partido Popular o Folión de Carros, o Entroido Ribeirao, a Feira do Viño, o Día do Faro e as festas patronais. Nesta decisión pesa tanto o interese en procurar o benestar dos veciños como a condición de Chantada como concello de interese turístico galego. “A nosa aposta polo turismo, que se manifesta nestas festas e na oficialización do Camiño de Inverno a Santiago, é esencial porque ten que sustentar a reactivación da hostalaría local e do comercio”, dixo Fernández Reinoso. ” Ás pequenas empresas destes sectores hai que ofrecerlles mais que palabras, porque delas viven moitas familias. Imos axudar a encher as nosas cafeterías, os nosos restaurantes e as nosas tendas coa promoción do turismo de calidade”.

O PP tamén porá de manifesto o seu empeño no relanzamento cultural promovendo que o Concello realice un inventario do noso patrimonio, iniciativa complementaria coa publicación da historia de Chantada, que será divulgada entre a poboación escolar.