Partido Popular de Lugo

Castiñeira propón un ascensor en Fontiñas á altura das escaleiras que enlazan esta avenida con Ramón Montenegro

Lugo, 13 de maio de 2011.- O candidato popular á alcaldía de Lugo Jaime Castiñeira anunciou esta mañá en rolda de prensa, xunto con varios membros da súa candidatura, que no caso de ser elixido rexedor nas vindeiras eleccións do 22 de Maio, instalará un ascensor na Ronda das Fontiñas á altura das 63 escaleiras que enlazan esta avenida con Ramón Montenegro.

Castiñeira subliñou que, neste momento, persoas con mobilidade reducida, veciños con diversidade funcional, mulleres embarazadas ou nenos teñen moitas dificultades para acceder ao casco histórico. Mesmo moita xente maior da zona elude subir ao centro e perciben que o seu é un barrio illado. Por iso, para salvar a barreira electrónica, propón a instalación dun ascensor na zona na que os técnicos consideren a opción menos custosa e máis viable.

O popular concretou que «para o PP si é unha prioridade este elevador» e explicou que «o ascensor custa bastante menos que a nova cafetería do Parque, na que se gastaron 720.000 euros».

Castiñeira ironizou con que «agardo que non diga Orozco, dentro dunha hora, que xa vai instalar esta infraestrutura», en referencia a que no día de antonte o candidato do PSdeG «despois de 12 anos», ocorréuselle solicitar «unha hora despois de que o propuxesemos dende o PP» a modificación dun convenio que el mesmo asinou para substituír 5 torres de 140 vivendas por un CEIP e unha zona axardinada.

Outras medidas de tipo social.- O candidato tamén salientou que mellorará a xestión dos distintos programas de benestar social, de forma que cada euro chegue ás persoas e non se perda en gastos superfluos e innecesarios. 

Ademais, creará, nun dos centros de convivencia, un Punto de Atención de Urxencias de Servizos Sociais (PAUSS), onde se avaliará a urxencia e se derivarán os casos aos centros de referencia correspondentes, alixeirando con elo a actual sobrecarga de traballo das traballadoras sociais dos centros dependentes do Concello, que terán así, dentro da súa xornada laboral, unha actividade programada, visitas a domicilio e tempo dispoñible tamén para dedicar a labores de prevención, o que redundará nunha mellora da calidade da prestación dos servizos sociais. 

Tamén defenderá o traballo en rede por parte das distintas Administracións Públicas competentes, e intensificará a colaboración coas asociacións representativas e as empresas do municipio que desenvolven a súa actividade no eido dos servizos sociais. 

Sumarémonos ao Pacto Galego pola Infancia e promoveremos un plan municipal da infancia que, coa participación de distintas Concellerías (Educación, Benestar Social e Igualdade, Medio Ambiente, Deportes, etc.) abordará aos menores de xeito integral. Ademais, traballaremos para acadar a distinción de Cidade Amiga da Infancia (que é aquela cidade que se compromete a respectar os dereitos da infancia) promovida por UNICEF. 

Faremos da discapacidade (en adiante diversidade funcional) un vector transversal de atención preferente en todas as políticas municipais, convertido a Lugo nunha Cidade Inclusiva.