Partido Popular de Lugo

A CONSELLEIRA PILAR FARJAS CONFIRMA A FERNÁNDEZ REINOSO A APOSTA DA XUNTA POLO HOSPITAL COMARCAL DE MONFORTE

Chantada, 12 de maio de 2011.- O candidato popular á Alcaldía de Chantada, Ramón Fernández Reinoso, reuniuse en Santiago coa conselleira Sanidade, Pilar Farjas, para facer balance do investimento realizado no municipio en materia de sanidade.

O encontro, enmarcado nunha rolda de contactos con distintos representantes da Xunta, busca mellorar o nivel de interlocución entre o Goberno autonómico e o local co obxecto de afianzar as relacións para a nova etapa que afrontará o Concello chantadino despois do 22 de maio.

Na xuntanza, celebrada no complexo administrativo de San Caetano, Pilar Farjas reiterou o seu compromiso cos servizos sanitarios de Chantada manifestando que a área de Monforte, á que está adscrita Chantada, será autónoma e que o hospital comarcal non se desmantelará. Neste sentido, apuntou que no último ano se incrementaron de forma significativa os rendementos do complexo hospitalario. Os últimos datos de lista de espera reflicten que no primeiro trimestre deste ano se realizaron 674 operacións en xornada ordinaria, 55 máis que no mesmo trimestre do exercicio anterior. Así mesmo, sinalou que a espera media para unha intervención cirúrxica se reduciu en doce días no último ano. Tamén houbo un incremento destacado nas probas de diagnóstico con respecto ao mesmo trimestre de 2010.

O cabeza de lista dos populares de Chantada reiterou o seu compromiso coa área sanitaria. «Quero que os chantadinos deixen de preocuparse polo que se está dicindo sobre o Hospital de Monforte. Baixo ningún concepto se vai pechar. A cobertura sanitaria está garantida e traballaremos coa Xunta de Galicia para mellorala, co fin de prestar un servizo público de calidade», sinalou Fernández Reinoso.

Ademais, Pilar Farjas explicou que nos últimos dous anos a súa consellería destinou a Chantada un total de 129.500 euros á área de sanidade. As asociacións locais de saúde mental recibiron 67.500 euros destinados a programas de axuda a familias e afectados. Á asistencia de drogas e alcohol destináronse 12.000 euros.

Por outra banda, o candidato popular á Alcaldía mantivo nestes días unha xuntanza coa asociación de alzheimer de Chantada co obxecto de coñecer as súas demandas .

Reinoso amosou o seu compromiso de atender ás peticións realizadas por este colectivo cando acceda ao goberno local.

Ramón Fernández sinalou tamén como unha prioridade a erradicación do consumo de drogas e o abuso do alcohol entre a poboación máis nova. Para iso, manifestou que impulsará plans de acción para concienciar á xuventude sobre os prexuízos das drogas e a inxesta excesiva de alcohol. «Preocúpannos os mozos e mozas chantadinas. Eles son o noso futuro. Temos que loitar pola concienciación e o fomento de prácticas saudables «, salientou Fernández Reinoso.