Partido Popular de Lugo

Castiñeira propón un colexio e unha zona verde para Acea de Olga en lugar das 5 torres con 140 vivendas de protección oficial que acordou Orozco co bipartito

Lugo, 11 de maio de 2011.- O candidato do PP á alcaldía de Lugo Jaime Castiñeira explicou esta mañá en rolda de prensa o seu proxecto para o barrio de Acea de Olga e que consiste en modificar o convenio asinado a catro bandas (entre a Consellería de Vivenda, de Cultura e de Ordenación do Territorio do bipartito e o goberno de Orozco) por un CEIP (Colexio de Educación Infantil e Primaria) e unha zona verde para a zona.

Castiñeira detallou que se trata dunha parcela de 28.357 metros cadrados que figuraba como equipamento dotacional e da que preto da metade (13.700 metros cadrados) vai ir destinada ao auditorio. A xuízo dos populares, Acea de Olga non precisa de máis vivendas, senón de equipamentos e dotacións públicas, polo que o propio alcaldable xa entablou conversas e chegou a un acordo para materializar a súa proposta co conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas Agustín Hernández e o de Educación Jesús Vázquez.

“Xa sabemos que Orozco é moi aficionado ás torres e ás grandes edificabilidades, porque despois de permitir as das Costas do Parque e de intentar facer outras na estación de autobuses, agora tamén pretende trasladar aquí cinco máis”, subliñou Castiñeira. “Non todo son edificios nun Concello”, afirmou o popular, quen aposta polo reequilibrio de barrios “tamén en dotacións educativas”, logo de ter anunciado onte que, no caso de saír elixido rexedor, porá a disposición da Xunta de terreos municipais para un novo colexio no Sagrado Corazón.

Resposta á Asociación de Veciños do Carballo.- Castiñeira aproveitou a súa presenza no barrio para contestar ás preguntas que formula a Asociación de Veciños do Carballo, nunha furgoneta que teñen estacionada na zona e que recollen na web www.alguiennosocultaalgo.com , respostas que lles fará chegar:
1.    Conexión da nova ponte coa cidade de Lugo: o PP comprométese a buscar unha alternativa á desexada por Orozco de atravesar o Parque Marcos Cela. “Asine o que asine o goberno actual, se son alcalde modificarei o acordo”, salientou, co obxectivo de manter a proposta aprobada en pleno e que consistía en desdoblar a N-VI, construír unha rotonda en Alfonso X e un paso a diferente nivel.
2.    Construción de 5 bloques de vivendas na parcela do auditorio: Castiñeira vai substituír esta construción por unha dotación pública, cunha zona verde e un CEIP 
3.    Cruce da N-VI con Alfonso X: construír a rotonda que xa está prevista no PXOM para mellorar a fluidez do tráfico
4.    Mantemento dos parques e das zonas verdes do barrio: Castiñeira impulsará a recuperación dos parques, xa que despois de case un ano das tormentas que os destrozou, o goberno local inda non actuou no Marcos Cela