Partido Popular de Lugo

Barreiro alertou en Becerreá sobre as promesas “de última hora” que fan algúns políticos “azuzados pola proximidade dunhas eleccións”

 

Becerreá, a 11 de maio de 2011.- O presidente provincial do Partido Popular alertou sobre “as promesas de última hora que fan algúns políticos azuzados pola proximidade dunhas eleccións”. José Manuel Barreiro fixo esta advertencia durante o mitin celebrado hoxe en Becerreá no que tamén participou o presidente do PPdeG Alberto Núñez Feijoo.

“Como ben sabedes”, dixo o líder dos populares lucenses facendo unha comparanza entre políticos e estudantes,  “hai quen se pasa o curso sen facer nada e despois, cando se achegan os exámenes, dase un atracón para tentar sair do paso. Pola miña experiencia profesional, pódovos asegurar que esta treta poucas veces dá resultado”. 

“Ó Sr. Besteiro e ó Sr. Martínez, cando menos, non llo vai a dar. Porque quen non fixo cando puido, menos vai facer despois e podedes dar por feito que nin Manuel Martínez vai seguir de acalde nin Besteiro de presidente da Deputación tras o 22 de maio”, engadiu.

José Manuel Barreiro argumentou a súa afirmación indicando que “aqueles que entenden a responsabilidade de gobernar coma un reino de taifas, no que o sectarismo e o amiguismo determinan a súa actuación, non merecen a confianza dos cidadáns”.

Segundo recalcou, “o Partido Popular demostrou, está a demostrar e demostrará que gobernar para todos é osible, que gobernar con austeridade, rigor, transparencia e eficacia, buscando a colaboración entre institucións, é posible e que os resultados dese modelo de xestión, evidentemente, son outros ben distintos e máis beneficiosos para os veciños”.

A este respecto Barreiro recalcou que o Partido Popular quere “devolver a cordura e o sentido común á Deputación”. Quere, segundo dixo, acabar co gasto desmesurado que supón o equipo de goberno e “os seus achegados” e co reparto sectario e partidista dos recursos “que son de todos”; quere, en definitiva, “unha institución provincial que sirva de referente a todos os lucenses e que axude a todos os concellos a superar as dificultades económicas na que estamos sumidos todos por culpa dos que agora, como fan sempre, lávanse as mans e agardan que sexan outros os que resolvan os problemas”.