CHANTADA, 10 de maio de 2011.- O candidato popular á Alcaldía de Chantada, Ramón Fernández Reinoso, anunciou o establecemento dun plan estratéxico municipal para a creación de emprego dentro do municipio. «O fomento do emprego será un dos nosos obxectivos prioritarios cando nos asumamos a alcaldía. Temos que conseguir a implantación de novas empresas no polígono industrial. Para iso é preciso apoiar aos principais sectores produtivos de futuro da nosa economía: o agrogandeiro e vitivinícola, a través do reforzo das axudas públicas», sinalou Fernández Reinoso.
Fernández Reinoso manifestou a necesidade de buscar un desenvolvemento harmónico entre o sector primario, secundario e de servizos para fortalecer a economía local. «Só un goberno estable que xere confianza e seguridade nos axentes locais terá a capacidade de impulsar a actividade económica. O PP, o partido máis forte de Galicia, é o único que pode ofrecer esas garantías. A nosa candidatura é a que terá a mellor interlocución coa Xunta para poder conseguir as axudas que precisamos para mellorar Chantada», dixo Fernández Reinoso. Así queda constatado coas xuntanzas que o candidato popular está mantendo cos diferentes representantes da administración autonómica para afianzar vías de colaboración.
O cabeza de lista dos populares chantadinos, na recente reunión mantida co conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra, apuntou á necesidade de desenvolver o emprendemento e a innovación empresarial como ferramentas para fomentar o emprego entre as xeracións máis novas. Do mesmo xeito, Reinoso considera importante revisar a oferta formativa para adaptala ás necesidades laborais do concello e así poder dar saída os mozos e mozas nos sectores de maior peso en Chantada.
O Partido Popular de Chantada tamén potenciará a elaboración e deseño de novos proxectos de formación e emprego mediante a posta en marcha de talleres e obradoiros de emprego, destinados á poboación desempregada.
Fernández Reinoso tamén entende que a construción dos enlaces por autovía é un elemento imprescindible para que o parque empresarial de Chantada se vexa ocupado por industrias de futuro. “As autovías que os socialistas tanto prometeron e nunca fixeron son o mellor imán para atraer novas empresas, porque Chantada ten a localización ideal, no centro de Galicia, e só nos falta completar as infraestruturas de comunicación”, manifestou o candidato popular.