Lugo, 10 de maio de 2011.- O candidato popular á alcaldía de Lugo Jaime Castiñeira Broz comprometeuse a ceder terreos municipais á Consellería de Educación co obxectivo de que o departamento da Xunta de Galicia constrúa un novo centro educativo na zona do Sagrado Corazón. O compromiso adquiriuno logo dunha xuntanza con representantes da Asociación de Nais e Pais dos Alumnos (ANPA) e da directiva do centro. Na reunión tamén participou o Conselleiro de Educación Jesús Vázquez Abad.
Castiñeira subliñou que existe «unha gran preocupación social» dado que o actual colexio presenta problemas de accesibilidade, posto que é un centro moi antigo, que non reúne as condicións axeitadas para neno e con abundantes escaleiras e sen ningún ascensor. Ademais, os nenos, cando teñen que cambiar de aula, deben saír ao exterior. A todo isto hai que engadir que a cesión dos edificios por parte de Caixa Galicia finaliza no ano 2018.
Castiñeira apuntou que as obras de reparación serían máis custosas que facer un novo centro, ademais de que o actual ten moi poucas posibilidades de ampliación, polo que se comprometeu a que, no caso de saír elixido alcalde o vindeiro 22 de Maio, xestionará a posta a disposición da Xunta de Galicia para facer un novo colexio.
Máis compromisos.- O candidato popular sinalou, entre outros, máis compromisos que adquiriu en materia educativa:
· A ampliación do horario de apertura dos colexios
· Melloras na seguridade do contorno dos centros educativos
· Cubrirá o parque infantil de tráfico López Mella
· Creará un punto municipal de asesoramento para a prevención do absentismo e o abandono escolar
· Organización de actividades deportivas e lúdicas durante as fins de semana e as vacacións en distintos barrios do Concello para o desfrute dos escolares e conciliar a vida persoal, familiar e laboral de nais e pais
· O reforzo do programa de potenciación da lectura
· O achegamento do Bibliobús
· A promoción do voluntariado para o apoio na ordenación e dirección do tráfico nos centros escolares nas horas de entrada e saída
· A colaboración e o apoio ás actividades desenvolvidas polas ANPAs
Outros actos.- O conselleiro de Educación Jesús Vázquez quixo respaldar a Castiñeira durante un reparto que tivo lugar na zona do Sagrado Corazón e nas Gándaras despois da reunión e tamén nun mitin que se celebrou no Gran Hotel, e no que interviron, ademais de Castiñeira e Vázquez, outros membros da candidatura.