Partido Popular de Lugo

Castiñeira compromete austeridade, rigor no gasto e eliminar o derroche continuo do PSOE

Lugo, 9  de maio de 2011.- O candidato popular á alcaldía de Lugo Jaime Castiñeira comprometeuse esta mañá, ante preto dun centenar de empresarios do Concello, a aplicar a máxima de austeridade e do rigor no gasto público, o que supón a eliminación automática do “continuo derroche de Orozco”.

Acompañado polo presidente autonómico do PP, Alberto Núñez Feijoo, e do presidente provincial, José Manuel Barreiro, Castiñeira fixo un diagnóstico da situación económica actual do municipio de Lugo, detallando que presenta unha débeda real de 81 millóns de euros, o que a converte na cidade galega máis endebedada. Explicou que aos 45 millóns de débeda cos bancos, hai que engadir 30 millóns por un convenio con Acuanorte para a posta en marcha da potabilizadora e outros 6 millóns que haberá que devolver ao Estado. Destes datos dedúcese que Orozco duplicou a débeda durante os seus 12 anos, malia ter manexado máis de 1.100 millóns de euros (é dicir, 180.000 millóns de pesetas), o que representa o dobre dos orzamentos que tiveron os outros catro alcaldes da democracia xuntos. 

O popular matizou que Orozco foi un “alcalde vendedor”, ata tal punto que non se quedou cunha soa parcela no polígono das Gándaras (polígono do que agora tanto critica os prezos, fixados na época do bipartito) e que incluso pretendía recalificar a estación de autobuses. Castiñeira afirmou que a situación económica se continuará agravando con decisións urbanísticas do candidato do PsdeG como as torres do Garañón, e que levarán a todos os lucenses a ter que pagar unha indemnización de 15 millóns de euros.

“Hai saída”.Castiñeira presentouse como “a única alternativa” para xerar confianza nos empresarios e emprendedores fronte “á inestabilidade e á inseguridade coa que nacen os bipartitos”. Nese senso, apuntou un decálogo de medidas encamiñadas a fomentar a actividade económica, co obxectivo primordial de xerar emprego na cidade galega onde máis medrou o paro:
·     A baixada nos soldos dos políticos
·     A redución de asesores
·     A revisión dos contratos especialmente deficitarios, como o da grúa, que acadará un déficit de preto de 4,5 millóns de euros
·     O programa Lugo Renóvate, que inclúe ITEs gratis e unha liña de axudas para a mellora nos edificios que contribúa á reactivación dos oficios da construción e así xerar un movemento económico duns 6 millóns de euros anuais; o que se complementa coa revisión do PEPRI
·     A creación dun Rexistro Municipal de Empresas para facilitar que todas as firmas lucenses poidan participar en contratos de obras e servizos do Concello e non vaian parar sempre ás mesmas
·     A axilización dos trámites administrativos: as licenzas de actividade e de obra menor expediranse nun mes
·     A eliminación do derroche porque non se poden gastar 720.000 euros na cafetería do Parque Rosalía de Castro, ou 350.000 no bar do Cei-Nodus, ou 750.000 euros nos paneis solares do Ceao levantados en zona verde e que xa non funcionan, ou gastar en alimentos só o 20% do programa Almorzos saudables.
·     O apoio firme que o PP deu ao Plan Xeral de Ordenación Municipal
·     Estudo do gasto corrente, que se incrementará cos novos edificios en máis de 3,1 millóns de euros anuais
·     A revisión dos impostos municipais para os emprendedores que inician actividade ou incluso para aqueles que atravesan momentos de dificultade.

Tamén comprometeu un Plan de Optimización de Recursos e Servizos municipais para prestar mellores servizos e reducindo alugueres, un viveiro de naves industriais no Polígono das Gándaras, a unificación das ordenanzas municipais, unha administración electrónica verdadeira que evite desprazamentos, o aprazamento de pagos ao Concello (non se pode perseguir aos empresarios porque non cumpren o PEPRI, e menos en tempos de crise… 

Castiñeira advertiu de que na actualidade non chegan os ingresos para pagar o gasto corrente e, nesa liña, o goberno local intentou camuflar un millón de euros para o mantemento da nova depuradora nos orzamentos de 2011.