Lugo, 8 de maio de 2011.- O candidato popular á alcaldía de Lugo Jaime Castiñeira anunciou esta tarde en rolda de prensa, durante un reparto na estación de autobuses, que fará unha gran praza pública neses terreos unha vez que queden libres ao converterse a estación intermodal, cofinanciada pola Xunta e o Goberno do Estado, na terminal de autobuses.
Castiñeira apuntou que a praza pública sería “o broche de ouro” á forte defensa que fixo o PP para que a superficie non pasase a ser privada e que levou incluso aos populares de Lugo a negociar coa Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas para que asumise a metade do custe da nova intermodal.
“Outros – en alusión ao convenio que tiñan preparado e con data para sinatura Orozco e o Ministerio de Fomento – querían levantar aquí tres torres de nove alturas cada unha”, subliñou o popular, quen se ratificou en que “parece que coas Torres de Orozco nas costas do Parque non tiña suficiente, que incluso quería facer outras tres coma esas na zona da estación”. A pouca destreza do actual alcalde levouno a facer a contradictoria manifestación de que “para esponxar unha zona colmatada era bo facer edificios”.
O proxecto de Castiñeira tamén inclúe a ampliación do aparcamento soterrado da Constitución para que se extenda por toda a praza e así poder adecuar a superficie de estacionamento ás necesidades actuais. A proposta complétase cun edificio dotacional que cubra a medianeira da rúa Dinán, á altura dos números 2-4. Todo isto virá acompañado dunha reorganización do tráfico da zona.
O popular recordou que a gran praza figuraba nos programas do PsdeG, pero “igual que aconteceu co resto do Concello, o que non foi incapaz de desenvolver en 12 anos, dificilmente o poderá facer en 4 anos máis”. “Incluso Touriño se desprazou aquí para anuncialo”, sentenciou.