CHANTADA, 7 de maio de 2011.- Os hostaleiros de Chantada serán informados mañá pola secretaria xeral de Turismo, Carmen Pardo, das axudas que oferta a Consellería de Cultura e que poden servir para dinamizar o sector. A representante autonómica celebrará unha xuntanza, de entrada libre, na sede do Partido Popular chantadino ás 20.00 horas. Tamén mañá visitará a vila o secretario xeral de Deportes, Xosé Ramón Lete.
Por iniciativa do candidato do PP á Alcaldía de Chantada, Ramón Fernández Reinoso, a Consellería de Cultura estudará a oficialización do Camiño de Inverno a Santiago.
Tamén buscará fórmulas para potenciar os atractivos turísticos da zona vinculando a riqueza natural da Ribeira Sacra co viño e as adegas. De todo iso xa falaron na capital galega, nesta semana que remata, Fernández Reinoso e a secretaria xeral Carmen Pardo, nunha entrevista que celebraron no despacho de esta.
Pola súa banda, o secretario xeral de Deportes, Xosé Ramón Lete, acudirá ás 17.30 horas ao campo de Sangoñedo para presenciar o encontro que disputarán a S.D. Chantada e mailo Santaballés. Amais de ver o partido, Lete pretende coñecer de preto a situación do deporte de base local e detectar oportunidades nas que a Administración autonómica pode prestar axuda a clubs e deportistas.