Partido Popular de Lugo

Castiñeira promoverá a declaración do Barrio Feijoo como Área de Rehabilitación Integral e agradece a Hernández a licitación da Calzada das Gándaras nas vindeiras semanas por un importe de 2,3 millóns

Lugo, 7 de maio de 2011.- O candidato popular Jaime Castiñeira anunciou esta mañá en rolda de prensa que, no caso de ser elixido alcalde o vindeiro 22 de Maio, promoverá a declaración do Barrio Feijoo como Área de Rehabilitación Integral co obxectivo de desenvolver o planeamento urbanístico recollido, grazas a alegacións do PP, no Plan Xeral de Ordenación Municipal: converter os espazos interiores que existen na actualidade entre os edificios para crear alí prazas públicas e aparcamentos soterrados.

Nese senso, Castiñeira promoverá a sinatura dun convenio entre o Concello, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas e o Ministerio de Fomento para financiar as obras desta zona. A meta é respectar as singularidades dunha zona que se atopa moi preto do centro para favorecer a súa reactivación económica e revitalizalo.

Lembrou cómo este barrio, que definiu como «humilde, obreiro e antigo» desaparecía coa proposta que facía o PSOE inicialmente no PXOM e que afectaba a 140 vivendas. Agora, coas alegacións, só quedan afectados menos de dez edificios.

Plan Paradai.- O candidato popular á alcaldía de Lugo tamén lle quixo agradecer ao Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas Agustín Hernández a licitación que vai facer o organismo autonómico nos vindeiros días da calzada das Gándaras por un importe de 2,3 millóns de euros. Este proxecto forma parte do denominado Plan Paradai, pendente dende 1999 porque o alcalde foi incapaz de poñer os terreos a disposición da Xunta ao longo dos 12 anos que leva ao fronte do Concello. Nese senso, lamentou os continuos incumprimentos dos prazos que o propio goberno local se fixaba e comprometeuse á axilizar os prazos e trámites administrativos cando goberne o Concello de Lugo.

Recordou que os terreos foron postos a disposición da Consellería con data de 7 de abril, o que demostra a axilidade e a eficacia da xestión da Xunta e o seu interese por cumprir con Lugo. A xuízo do popular, o compromiso da Xunta de Galicia e especialmente o do Conselleiro Agustín Hernández quedou sobradamente demostrado, xa que foi este conselleiro o que desbloqueou o auditorio, un proxecto pendente dende o último mandato popular no Concello de Lugo, ademais da posta en marcha do Polígono das Gándaras ou dos programas de rehabilitación de vivendas, entre outras actuacións. 

Máis compromisos de barrios.- Castiñeira tamén expuxo outros cinco compromisos para reequilibrar os barrios de Lugo:
·        A potenciación do transporte público para duplicar o número de viaxeiros e, dese modo, que os lucenses «collan o bus por comodidade e non por necesidade»
·        A gratuídade das Inspeccións Técnicas de Edificios para que non existan desigualdades entre o centro, onde foron gratis, e os barrios e o rural, polo que serán de balde para todo o Concello
·        Un Plan de apoio e dinamización do comercio tradicional que dea un pulo ao comercio dos barrios
·        A substitución de tuberías de fibrocemento que aínda quedan en moitos barrios e que supoñen unha ameaza para a saúde e para o abastecemento de auga debido ás frecuentes roturas
·        A organización de actividades deportivas nos barrios