Guitiriz, 6/05/11.- O candidato do Partido Popular en Guitiriz Xosé María Teixido quere aclarar que onte non participou no acto desenvolvido neste municipio sobre o polígono industrial por considerar que a finalidade do mesmo era electoralista.
Aclara Xosé María Teixido que el foi convocado a ese encontro polos presidentes da comunidade de montes de Santa María e Lagostelle e pola alcaldesa da localidade e, en teoría, polo suposto presidente da asociación de empresarios do polígono de Guitiriz que, segundo especifica, descoñece quén é, co obxectivo de falar sobre o futuro do polígono industrial da localidade, pero en ningún caso para participar nun acto político promovido polo Partido Socialista.
Tras decatarse da verdadeira finalidade do encontro, no que tamén estaba presente o presidente da Deputación, o candidato do Partido Popular declinou asistir a el.
Entende Teixido Núñez que é prioritario promover o asentamento de empresas en Guitiriz para xerar novos postos de traballo estables e de calidade e que el e o seu equipo traballarán para acadar ese obxectivo. Non comparte, e censurao de feito, o oportunismo, dada a proximidade das eleccións municipais, amosado polos socialistas neste asunto co acto celebrado onte.