Partido Popular de Lugo

RAMÓN FERNÁNDEZ REINOSO APOSTA POR ADAPTAR A OFERTA FORMATIVA ÁS NECESIDADES DE CHANTADA

Chantada, 6 de maio de 2011.- O candidato popular á Alcaldía de Chantada, Ramón Fernández Reinoso, mantivo esta mañá unha xuntanza co conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Jesús Vázquez, para afondar na mellora do sistema educativo de Chantada. Deste xeito continúa a súa rolda de contactos con representantes da Xunta de Galicia co obxecto de consolidar vías de colaboración entre a administración autonómica e a local.

No encontro, celebrado nas dependencias da Xunta en San Caetano, Fernández Reinoso trasladoulle ao conselleiro de Educación a súa proposta de adaptar a oferta formativa ás necesidades profesionais e ao tecido empresarial de Chantada, coa finalidade de que os mozos e mozas atopen unha saída laboral dentro do concello.

«Non queremos que os nosos fillos e os nosos netos teñan que marchar fóra en busca de traballo. Debemos facerlle ver ás xeracións máis novas que Chantada ten futuro.

Contamos cun sector vitivinícola e agrogandeiro de destacada importancia. E a súa continuidade está en mans da xuventude. O sector vitivinícola e agrogandeiro debe profesionalizarse en base á formación dos máis novos», sinalou Fernández Reinoso.

O conselleiro Jesús Vázquez manifestou o seu compromiso de reunirse novamente con Fernández Reinoso, co obxecto de concretar e revisar a estruturación da oferta formativa en Chantada, unha que vez o Partido Popular se faga cargo da Alcaldía tralas eleccións municipais.

Actos de campaña.- Os populares chantadinos entraron de cheo na campaña electoral. Por diante quedan quince días de intenso traballo, realizado sempre baixo parámetros de austeridade e de comunicación directa cos veciños.

Esta tarde, ás 20.30 horas, o portavoz do PPdeG, Antonio Rodríguez Miranda, visitará Chantada co obxecto de brindar o seu apoio á candidatura popular. Miranda propuxo o mércores último no Pleno do Parlamento que a Xunta aprobe en tres meses o novo regulamento para harmonizar, homoxeneizar e simplificar os procedementos de concesión de subvencións por parte da Administración autonómica aos concellos.