Partido Popular de Lugo

Castiñeira anuncia un plan municipal de emprego, unha bolsa de currículos e un Plan de Apoio ao Comercio para favorecer a creación e o mantemento de postos de traballo

Lugo, 6 de maio de 2011.- O candidato popular Jaime Castiñeira explicou hoxe en rolda de prensa que o emprego constitúe unha das súas máximas prioridades no caso de ser elixido alcalde, xunto a outras materias como a seguridade, a economía ou os servizos sociais.

Castiñeira expuxo 11 compromisos seus en cuestión de traballo:
·        Un verdadeiro plan municipal de emprego, en colaboración cos distintos axentes sociais, analizando conxuntamente os problemas do mercado laboral local e definindo obxectivos e estratexias comúns para reducir o número de lucenses en situación de desemprego a curto e medio prazo
·        A creación dun servizo municipal de intermediación entre demandantes de emprego e empresarios
·        A elaboración dunha bolsa de currículos clasificada por perfís profesionais e sempre actualizada, e especializarase tamén en facilitar a busca de emprego a tempo parcial a tempo parcial ou de tempada
·        A racionalización dos viveiros de empresas, mellorando a colaboración coa Fundación CEL e a Universidade de Santiago para evitar duplicidades
·        A construción dun viveiro de naves no Polígono das Gándaras adaptadas ás necesidades propias de empresas, como as de base tecnolóxica que nacen no Campus universitario, que hoxe en día marchan de Lugo para crear riqueza e postos de traballo noutras cidades porque nós non temos espazos apropiados
·        O impulso ás campañas estatais e internacionais de promoción do solo industrial para aproveitar ao máximo o feito de que Lugo é a cidade galega con máis solo
·        A revisión do Plan Especial de Protección de Reforma Interior (PEPRI), que leva pendente dende finais da década dos 90
·        A creación dun Rexistro Municipal de Empresas para favorecer que todas as empresas de Lugo poidan recibir contratos de obras e servizos públicos
·        A revisión dos tributos municipais para reducir sensiblemente as cargas fiscais das empresas nos seus primeiros anos de actividade e cando fagan un esforzo para o mantemento e a creación de postos de traballo en Lugo, así como para a contratación indefinida dos seus traballadores
·        O aprazamento de pagos ao Concello en momentos de dificultades especiais para a supervivencia da empresa ou a continuídade dos seus empregados
·        A mellora nas condicións de conservación e a calidade dos servizos en todos os polígonos e zonas industriais no municipio
 

Neste senso, Castiñeira desprazouse ata a rúa Santiago para evidenciar o gran número de comercios que foron pechando ao longo dos últimos 12 anos socialistas de goberno Orozco.

Xustificou ademais a urxencia de tomar medidas para atallar o problema do desemprego, xa que Lugo é a cidade galega onde máis se incrementou o número de parados. De feito, os desempregados pasaron de ser 4.505 a 9.643, o que representa un incremento dun 114%, concretou.

Remodelación da área de Emprego.- Ademais de todo anterior, Castiñeira tamén comprometeu unha remodelación da área de Emprego, co obxectivo de que os fondos destinados ao fomento de traballo repercutan verdadeiramente na creación de postos de traballo. «Non pode ser que este diñeiro se estea destinando a financiar viaxes de concelleiros por Europa, como acontece agora co goberno Orozco», sentenciou.