Chantada, 5 de maio de 2011.- O candidato popular á Alcaldía de Chantada, Ramón Fernández Reinoso, manifestou o seu acordo coa nova Lei de Aguas recentemente aprobada porque presenta numerosas vantaxes para as zonas rurais, como é o caso de Chantada. «As críticas vertidas pola oposición respecto á normativa de augas son erradas, froito do descoñecemento. Son máis os beneficios que os prexuízos», sinalou Fernández Reinoso onte na celebración do foro de Lei de Augas organizado polo Partido Popular de Chantada, no que tamén interveu a voceira de Montes do Grupo Popular, Emma Álvarez Chao, e a portavoz de Medio Rural, Isabel García Pacín.
Preto de trinta veciños acudiron á sede local dos populares chantadinos para coñecer de primeira man os puntos claves que configuran o novo documento da Lei de Augas. O candidato popular destacou como principais vantaxes a exención de pago do canon de auga aos propietarios de pozos particulares e traídas veciñais. Así mesmo, considerou que o punto máis beneficiario para Chantada, onde o sector agrogandeiro ten un peso fundamental na súa economía, está nos usos agrarios e gandeiros, que ata agora si estaban suxeitos ao pago do canon de saneamento, quedan exentos do canon de auga co novo regulamento.
«Recoñece o esforzo dos propietarios de pozos particulares e traídas veciñais que tiveron que autoxestionar o seu abastacemento, alí onde as administracións non puideron chegar. E para os agricultores e gandeiros da zona supón un importante aforro económico», dixo Fernández Reinoso.
Pola súa banda, a voceira de Montes do Grupo Popular, Emma Álvarez Chao, apuntou que o novo tributo, recollido na Lei de Augas, que vén a substituír ao canon de saneamento, é universal, mellora a actual estrutura tarifara e discrimina positivamente ao rural. Engadiu ademais que o canon da auga é moito máis xusto para a cidadanía, cun importe en función dos consumos.
Inicio de campaña electoral.- Ás 00.00 horas desta noite dará comezo oficial a campaña electoral para as próximas eleccións municipais coa pegada de carteis polas rúas e parroquias de Chantada. Co afán de fomentar o contacto directo cos todos os veciños, os candidatos populares visitarán casa por casa aos electores para dar a coñecer as súas propostas para mellorar Chantada. Será un traballo intenso co que pretenden estreitar lazos cos chantadinos para escoitar as súas demandas e intereses, creando un clima de proximidade e confianza.
Mañá, o portavoz do PPdeG, Antonio Rodríguez Miranda, visitará Chantada co obxecto de brindar apoio á candidatura popular. Miranda propuxo onte no Pleno do Parlamento que a Xunta aprobe en tres meses o novo regulamento para harmonizar, homoxeneizar e simplificar os procedementos de concesión de subvencións por parte da administración autonómica aos concellos.