Partido Popular de Lugo

O CONCELLO DE CHANTADA DEBE CASE UN MILLÓN DE EUROS A EMPRESAS LOCAIS

Chantada, 5 de maio de 2011.- O Concello de Chantada aflorará mañá nun pleno extraordinario unha débeda de 418.761 euros correspondentes a duascentas facturas que non foran tramitadas adecuadamente. Esta operación farase despois de que hai dez días se fixera outra semellante, por importe de 459.393 euros. “Tiñan agachadas nun caixón facturas por case 150 millóns de pesetas e sabemos que aínda hai moito mais e que pasa do millón de euros”, advertiu o candidato popular á Alcaldía de Chantada, Ramón Fernández Reinoso.

O devandito pleno servirá tanto para oficializar débeda como para rectificar o orzamento municipal de 2011, mudando a contía e o destinatario de subvencións cando só pasaron vinte días desde que ese presuposto foi aprobado. Para Ramón Fernández Reinoso, a celebración do “pleno pode ser legal, pero en todo caso é irregular e pouco ética. Non só se rectifican a si mesmos en tan curto prazo, poñendo de manifesto que aprobaron mal o presuposto, se non que en plena campaña electoral toman decisións relevantes que deberan estar reservadas para o alcalde entrante”.

Para o afloramento desta nova partida de duascentas facturas, os dous alcaldes bipartitos empregarán a fórmula de “recoñecemento extraxudicial de crédito”. Aínda que consigan os votos precisos para a súa aprobación, o pagamento da débeda quedará a expensas de que o Concello teña cartos suficientes para afrontalo, porque decidiron “condicionar a validez deste acordo á obtención de recursos líquidos (cash)”, segundo indican na documentación oficial.

O Partido Popular amosa a súa alarma pola sucesión de evidencias que cada vez poñen máis patente que os dous alcaldes bipartitos deixan ao Concello en bancarrota. Pero aínda é mais fonda a nosa preocupación polas dificultades causadas a numerosas pequenas empresas de Chantada que nin cobraron en tempo os servizos ou bens subministrados á Administración Local, nin teñen agora a certeza de que poderán cobrar, porque, como din os partidos que están gobernando, a ver si conseguen “cash”.

“As pequenas empresas de Chantada –anunciou Ramón Fernández Reinoso- nunca volverán a pasar por esta situación cando nós asumamos a responsabilidade. O Concello non pode gastar os cartos que non ten, e os que gaste, será tramitando as facturas como está mandado, non con trampas. As pemes xa teñen bastantes problemas coa crise para que uns irresponsables lles compliquen mais a súa viabilidade demorando os pagos ata dous anos. Cando cheguemos á Alcaldía, faremos unha auditoría para descubrir a verdadeira débeda e un plan para pagar aos pequenos empresarios chantadinos”.

No pleno extraordinario que mañá se celebrará tamén será estudado o expediente de cambio de trazado dun camiño no lugar de Silán. O asunto xa fora debatido na xuntanza de hai vinte días, pero daquela o alcalde socialista que defendía a súa aprobación só foi respaldado por un dos seus concelleiros, mentres que outro socialista o abandonou, como tamén fixo o alcalde do Bloque.