Chantada, 4 de maio de 2011.- O candidato popular á Alcaldía de Chantada, Ramón Fernández Reinoso, reuniuse hoxe en Santiago co conselleiro da Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda, para preparar vías de colaboración entre o citado departamento e o Concello chantadino. Rueda amosou o seu compromiso con Chantada e felicitouse polas posibilidades de mellorar o nivel de interlocución entre os gobernos autonómico e local.
Na xuntanza, celebrada no complexo administrativo de San Caetano, Alfonso Rueda explicou que no último bienio a súa consellería destinou a Chantada 1,2 millóns de euros, que serviron para a construción e posta en marcha do parque comarcal de bombeiros, para dotar a Protección Civil dun vehículo todoterreo e de fondos, así como para a contratación de auxiliares da Policía Local. Tamén aportou recursos económicos para melloras enerxéticas en cinco rúas da vila.
Ramón Fernández trasladou ao conselleiro Rueda as dificultades nas que se atopa o Concello de Chantada, especialmente no eido financeiro, cun endebedamento crecente e mesmo con débeda non recoñecida de xeito oficial. “A administración municipal que deixa esta alcaldía bipartita que agora remata é un modelo de ineficiencia, que consume mais en pagar salarios aos funcionarios que en prestar servizos aos veciños”, dixo o candidato popular. “Esperamos o apoio da Consellería de Presidencia para modernizar o Concello e para aplicar técnicas de xestión”.
O candidato de PP tamén salientou que nos últimos dous anos “ningún dos dous alcaldes bipartitos que temos en Chantada celebrou ningunha reunión importante en Santiago, porque son tan sectarios que prefiren privar a Chantada de servizos con tal de non pedir axuda a unha Xunta na que está o Partido Popular. Cando nós asumamos a alcaldía, teremos a mellor interlocución en Santiago, para conseguir que nos axuden a sacar o Concello da bancarrota. Nos garantimos que nos escoitarán, e unha primeira proba é esta entrevista con Alfonso Rueda”.