Santiago, 3 de maio de 2011.- O Grupo dos Socialistas defendeu hoxe no Pleno do Parlamento galego unha iniciativa na que pedían que a Xunta financie traballos de protección contra lumes forestais contradicindo a Lei de Incendios aprobada na pasada lexislatura polo Bipartito, do que o PSOE formaba parte. Tal como lembrou a voceira de Montes do Grupo Popular, Emma Álvarez Chao, no debate da dita proposición non de lei, a Lei 3/2007 impide aplicar fondos públicos para a limpeza das parcelas privadas arredor de núcleos habitados, xa que atribúe aos propietarios a obriga de facer eses traballos.
Polo tanto, a Consellería de Medio Rural non pode financiar estes traballos a través de convenios de colaboración cos concellos, xa que son os propietarios das parcelas os que deben responsabilizarse de mantelas en condicións que non favorezan a propagación de incendios e que, en consecuencia, faciliten a defensa das vivendas no caso de incendios. Un extremo que os socialistas coñecen, ao ser unha lei do Goberno que eles presidiron o que así o establece, como o demostra o feito de que “non deixaron nos orzamentos do 2009 unha partida consignada” para o fin que agora reclaman á actual Xunta.
INCREMENTO DA COLABORACIÓN COS CONCELLOS.- A deputada diferenciou estes traballos coa colaboración cos concellos para a limpeza de pistas ou vías de comunicación. Nese sentido, Álvarez Chao salientou que o Goberno de Feijóo incrementou en 2010 e 2011 a contía destinada aos convenios de colaboración cos concellos para a defensa contra incendios, que no presente ano contan cun orzamento inicial de 2,6 millóns de euros.
A voceira de Montes do Grupo Popular cualificou a iniciativa dos socialistas de “demagóxica, oportunista, desfasada e electoralista”, ademais de resaltar a incoherencia que supón que o PSOE demande unha actuación que é inviable en base ao regulado por unha lei feita polo goberno presidido por ese mesmo partido.
Así mesmo, sinalou que os socialistas “faltan á verdade” ao asegurar que se perderon 6000 empregos no sector forestal e que baixou un 28% a facturación de madeira. A parlamentaria popular lembrou que hai uns días a secretaria xeral de FEARMAGA e o xerente do Clúster de Madeira de Galicia “daban a coñecer os datos económicos do ano 2010 e falaban precisamente dunha recuperación dun 6% da facturación da madeira”. En canto ao número de empregos que se perderon no monte, “a cifra que dá o sector é nin máis nin menos que un 33 por cento máis baixa da que vostede, con toda frivolidade, plasmou nesta iniciativa”.