Santiago, 3 de maio de 2011.- O Grupo do BNG pretendeu hoxe a aprobación no Pleno do Parlamento galego dunha proposición de lei que supoñía, de feito, incumprir a Directiva Marco da Auga. Como sinalou o deputado do Grupo Popular Daniel Varela, a iniciativa dos nacionalistas instaba a derrogar, “sen dar alternativas”, o Título IV da nova Lei de Augas, que transcribe literalmente o artigo 9 da citada Directiva en relación coa política de recuperación dos custos dos servizos relativos á auga.
Na súa intervención, Daniel Varela salientou que a nova Lei de Augas logra cumprir cos principios da norma europea tendo en conta as especificidades da Galicia rural, para o que establece exencións e bonificacións ao cánon. Exencións e bonificacións que posibilitan que os usos agrícolas e gandeiros, así como os usuarios de captacións propias ou traídas veciñais, non teñan, na práctica, que pagar, “en contra do dito na campaña que vostedes fixeron”.
O Goberno galego foi quen de resolver ese equilibrio entre o cumprimento da Directiva e o respecto ás particularidades de Galicia, “e iso molesta”, apuntou Varela, quen lembrou que o Bipartito pagou 150.000 euros por un informe para a aplicación da Directiva pero “gardouno nun caixón cando viu que había que poñer un cánon” porque “no 2009 había eleccións”.
A UTILIZACIÓN RESPONSABLE DA AUGA.- O deputado popular resaltou que a Directiva establece que a política de prezos da auga incentive aos consumidores á súa utilización responsable, e tiña que aplicarse ao máis tardar en 2010, como “sabía o Bipartito”. Ese é o obxectivo do cánon da auga, que “é un cánon ecolóxico” e que non é un imposto adicional, senón que substitúe ao antigo cánon de saneamento, que desaparece ao non cumprir cos postulados da Directiva europea de incentivar o aforro. Co novo cánon “os que máis aforren, pagarán menos e os que máis consuman e os que máis contaminen, pagarán máis”. Daniel Varela lembrou tamén que a recadación do cánon destinarase exclusivamente a accións de protección do medio ambiente acuícola.
“Hai que estar desesperado para poñerse en contra de principios ecoloxistas emanados da UE e en contra da solidariedade”, concluiu o deputado do Grupo Popular, quen relacionou a presentación da proposición de lei, así como a campaña de falsidades realizada polos nacionalistas a través de xuntanzas en distintos concellos galegos coa proximidade das eleccións municipais.