Partido Popular de Lugo

Castiñeira ampliará o horario das Piscinas de Frigsa e das Pedreiras e fomentará o deporte na rúa

Lugo, 3 de maio de 2011.- O candidato popular á alcaldía de Lugo Jaime Castiñeira anunciou hoxe que, no caso de ser elixido alcalde, ampliará o horario da Piscina de Frigsa e das Pedreiras, que rexistran unha media de máis de 1.000 persoas diarias.

Na actualidade, o complexo de Frigsa abre de 8 a 22.30 horas, pero coa proposta popular a piscina abriría de 7 a 23 horas para poder compaxinar os horarios laborais dos interesados. No que respecta á das Pedreiras, os populares non pecharán a mediodía as dotacións, como ocorre agora, polo que se establecerá xornada continua.

Ademais, tamén ampliaremos os cursos de natación porque neste momento están saturados e a oferta dos mesmos é claramente insuficiente. Nesa liña, se Castiñeira é elixido alcalde, impartiranse cursos de natación a mediodía para poder compatibilizar mellor as horas, ademais de incrementar o número de cursiños. 

Outra proposta de Castiñeira é o abaratamento do mantemento das instalacións deportivas, xa que contratará unha Brigada de mantemento que se ocupe exclusivamente desta tarefa, o que permitirá non externalizar este servizo.

Máis medidas.- Castiñeira avanzou, asimesmo, que porá en marcha roteiros de BTT (Bicicleta Todo Terreo) e carreiras de orientación nas ribeiras dos ríos, o que completará coa promoción de Lugo como Concello para o desenvolvemento de eventos deportivos. A isto hai que sumar o circuíto de motocross xa comprometido, a redución das tarefas das instalacións municipais e a garantía da súa plena accesibilidade.

Complexo de San Fiz.- Castiñeira ratificouse na súa oposición ao complexo deportivo de San Fiz, no que o Concello pretende regalar solo público de todos os lucenses a unha empresa privada, co que pon en risco a supervivencia de parte dos 200 empregados directos dos 28 ximnasios que hai no noso municipio e tamén dos innumerables postos de traballo indirectos que dependen deste sector.

Para o popular, o fomento do deporte «non pasa por facer competencia frontal aos centros deportivos que xa existen, senón por establecer convenios cos ximnasios actuais abaratando as súas tarifas e, deste xeito, fomentando o hábito deportivo e as actividades físicas saúdables».