Chantada, 2 de maio de 2011.- A circunvalación da zona da ponte na parroquia de San Salvador de Asma será unha das prioridades do Partido Popular de Chantada cando acceda ao goberno local. Así llo trasladou esta mañá o candidato popular á Alcaldía, Ramón Fernández Reinoso, ao conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, nun encontro que mantiveron nas dependencias da Xunta en San Caetano, Santiago de Compostela.
A circunvalación da zona da ponte permitirá desviar o tráfico pesado na parroquia de San Salvador de Asma. Fernández Reinoso considera prioritario resolver con urxencia os problemas de tráfico que sufre esta zona, posto que é a vía de acceso a diversos núcleos. «A gran cantidade de tránsito que soporta a estrada da ponte supón un problema que teñen que padecer a diario os veciños da zona. Precisamos darlle unha solución ás súas demandas, e Agustín Hernández comparte con nós a importancia desta solución», apuntou o alcaldable popular.
O conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, escoitou con atención outras propostas que o PP de Chantada deseñou para mellorar a situación do municipio en materia de obras, xestión medioambiental e ordenación territorial. Dentro do programa dos populares locais, inclúense outras actuacións como o compromiso de mantemento permanente da rede de estradas municipais a través dun seguimento continuo para vixiar o estado das diferentes vías; o aglomerado en quente de todos accesos aos núcleos rurais, dando prioridade as estradas de maior tránsito; e a reforma do Plan Xeral de Ordenación Municipal para adaptalo á nova Lei do Solo de Galicia e ás necesidades veciñais.
Ademais, Fernández Reinoso plantexou ao conselleiro Hernández a construción dunha nova depuradora que substitúa a actual. «A planta de tratamento de augas que nos está dando servizo agora, atópase desbordada, traballando por encima da súa capacidade. O que supón un grave risco medioambiental, dada a situación de proximidade co río», sinalou o candidato popular á Alcaldía.
Agustín Hernández manifestou o seu compromiso de reunirse novamente con Fernández Reinoso, co obxecto de concretar cada unha das propostas, unha vez que os populares chantadinos gañen as próximas eleccións municipais e se fagan coa Alcaldía.
Así mesmo, o cabeza de lista do Partido Popular chantadino aproveitou a xuntanza co conselleiro para agradecerlle a sensibilidade amosada con Chantada nas novas Directrices do Territorio, nas que se lle devolve o rango de cabeceira de comarca perdido durante o goberno bipartito.