Partido Popular de Lugo

FIXO FALLA QUE O PP REGRESARA Á RESPONSABILIDADE DE GOBERNO NA XUNTA PARA ACADAR O IMPULSO DEFINITIVO E POSIBILITAR A APERTURA DOS PARQUES DE BOMBEIROS

A Mariña, 02 de maio de 2011.-  O regreso do Partido Popular á responsabilidade de goberno  na Xunta de Galicia foi decisivo para acadar o  impulso definitivo que fixo posible a apertura dos parques de bombeiros na Mariña lucense (Viveiro e Barreiros) e no resto da provincia de Lugo. Así o entende o Partido Popular comarcal quen non deixa de felicitar aos veciños da comarca pola entrada en servizo desta infraestrutura que operará nun ámbito tan importante como é a atención das emerxencias que poidan ter lugar por razón de incendios, inundacións, accidentes de tráfico ou outras actividades de rescate o salvamento. 

Malia que non deixan de recoñecer que o consorcio provincial contraincendios é resultado dunha labor de cooperación e traballo conxunto entre distintas administracións (concellos, Deputación e Xunta) os populares queren significar que durante os catro anos de goberno bipartito conxunto, tanto no ente provincial como no autonómico, socialistas e nacionalistas non foron quen de poñer en marcha este servizo. 

Para dar conta do impulso popular á apertura destes parques desde o PP lembran que tanto a licitación como a adxudicación da construción do parque contra incendios de Viveiro foron decisións promovidas pola Consellería de Presidencia que dirixe Alfonso Rueda. Neste mesmo ámbito sinalan os acordos máis decisivos respecto da operatividade, posta en servizo e determinación do financiamento necesario para levar adiante a apertura dos parques de bombeiros foron acadadas nas xuntanzas que mantivo o consorcio provincial contra incendios estando presente tanto o propio Alfonso Rueda, como o responsable de emerxencias da administración autonómica –Santiago Villanueva- e outros representantes da Xunta popular. 

Desde o PP comarcal insisten en que unha vez máis o Goberno autonómico que preside Alberto Núñez Feijóo resulta decisivo para poñer fin a unha das débedas históricas da provincia de Lugo e, nomeadamente dos concellos da Mariña lucense que ata o momento carecían deste servizo, lonxe dos moi meritorios esforzos desenvolvidos polas agrupacións de voluntarios e profesionais de Protección Civil, financiadas por certo tamén con cargo a subvencións da Xunta.