Partido Popular de Lugo

Castiñeira anuncia unha campaña intensa e a pé de rúa que culminará cunha maratón sen pausa de 40 horas, na que participará Alberto Núñez Feijoo

 

Lugo, 30 de abril de 2011.- O candidato popular á alcaldía de Lugo Jaime Castiñeira explicou esta mañá que a súa campaña electoral vai ser “pegada á rúa” e “moi intensa”. Tras a tradicional pegada de carteis, que terá lugar na madrugada do xoves ao venres na Praza da Soedade e á que asistirá o presidente autonómico do PP Alberto Núñez Feijoo, estará ás 7 da mañá nunha empresa do Ceao para avanzar medidas en materia de creación de emprego.

O momento culme da campaña será o peche, xa que concluirá cunha maratón de 40 horas sen pausas, na que dende o xoves 19 de Maio ás 8 da mañá ata as 12 da noite do venres 20 o candidato estará na rúa tratando de explicar o seu proxecto de cidade a sectores moi variopintos. O presidente autonómico do PP xa se comprometeu a participar en dita iniciativa pioneira.

O popular fará “se cabe máis esforzos” e anuncia que «se deixará a pel no empeño, porque o PP ten mellores expectativas ca nunca». Comparou o reto de chegar á alcaldía co traballo realizado por el mesmo co Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), no que “nos desvivimos ata o último minuto”.

O popular agregou que “Lugo ten un grandísimo problema, que son os 12 anos de Orozco, nos que non soubo administrar os 1.100 millóns de euros que tivo nas súas mans”. 

No acto tamén se proxectou un vídeo no que os 15 primeiros membros da candidatura interviron e falaron das prioridades do equipo que lidera Jaime Castiñeira e que se orientan en torno a cinco eixos: a creación de emprego (somos a cidade galega na que máis medrou o paro nos últimos 4 anos de Orozco, moi por riba da media galega), a seguridade cidadá (o popular recalcou que é difícil atopar un día sen roubos ou casos violentos), a economía (somos o Concello galego máis endebedado, xa que Orozco duplicou a débeda real da administración municipal), unha boa prestación de servizos sociais (para a eliminación de listas de espera e garantindo que cada euro chegue aos seus destinatarios sen que se perda máis da metade “en farándulas”) e o reequilibrio dos barrios e o rural con respecto ao centro histórico (non quere seguir o modelo Orozco de gastar máis en bares [720.000€ na Cafetería do Parque e máis de 300.000 na do CEI-Nodus] que no rural). 

Pola súa banda, o popular comprometeuse a facer as Inspeccións Técnicas de Edificios de balde para todas as vivendas e construcións, a mellorar o transporte urbano e a dotar de telefonía móbil e cobertura de Internet á zona rural. Unha das pezas claves será a austeridade, capítulo no que eliminará o derroche en asesores e tamén reducirá os soldos dos políticos.

Ademais, Castiñeira tamén detallou que “non fai falta estar loco nin tolo por Lugo”, porque Lugo necesita un líder sensato e cordo, fronte a quen están loco polas Torres do Garañón, loco por levantar outras torres iguais na estación de autobuses ou loco por facer de todo menos o que debe.

Castiñeira enviou un agarimoso saúdo á comunidade xorda, así como os asistentes que chegaron ao acto do Pazo de Feiras e Exposicións a través do evento dunha convocatoria na rede social Facebook. Equipo.- Ante un aforo de preto de 600 persoas, Castiñeira tamén presentou o equipo que o acompaña na candidatura para acadar a alcaldía do Concello de Lugo. É un equipo «multidisciplinar, ilusionado e preparado para gobernar».

O candidato popular presentou ao presidente autonómico do PPdeG, e reflexionou que «mentres o PSOE ten que esconder aos seus líderes nacionais, autonómicos e mesmo os provinciais, nós intentamos que nos acompañe todo o tempo que a súa axenda lle permite”.

Intervención de Barreiro.- O presidente provincial do partido José Manuel Barreiro amosouse convencido de que Castiñeira será o vindeiro alcalde de Lugo por dúas razóns: por méritos propios (a súa entrega, capacidade e coñecemento) e porque lidera o único equipo cun proxecto claro de cidade. Por iso, explicou que “só hai dúas alternativas: ou Castiñeira é alcalde ou haberá unha coalición de PSOE, BNG e PSOE-2”.

Barreiro asegurou que “o responsable directo das taxas de paro é o goberno nacional de Madrid, pero os bipartitos e os gobernos socialistas no resto das administracións son gobernos cómplices”.

Intervención de Feijoo.- O presidente autonómico do partido Alberto Núñez Feijoo subliñou que é a primeira vez que nos últimos anos “as enquisas, os estudos demoscópicos consultados e os propios veciños na rúa apuntan que o obxectivo da alcaldía de Lugo está cada vez máis preto”. 

Ademais de cualificar a candidatura de “máis equilibrada, con máis gañas, con máis ilusión e mellor equipo”, propuxo  “xogo limpo e que o PSOE diga se está disposto a permitir que goberne a lista máis votada”. Nese senso, Feijoo apuntou que na actualidade Orozco goberna no Concello sendo a lista máis votada pero sen a maioría absoluta. Que goberne a lista máis votada supón “non reinterpretar nos despachos o resultado das urnas, porque o político non debe presupoñer que é máis intelixente que o cidadán”. Por iso, mantivo que Castiñeira non será alcalde se non é o máis votado.

Feijoo tamén anunciou a adxudicación definitiva do auditorio, un proxecto iniciado por Joaquín García Díez fai máis de 12 anos. Tanto o presidente autonómico como o candidato á alcaldía de Lugo coincidiron en que “é momento de deixar de vivir de ensoños e promesas”, punto no que Castiñeira ironizou con que o Tren de Alta Velocidade debeu de dar a volta na Pobra de San Xiao, xa que Orozco se vanagloriaba da súa inmediata chegada ao concello de Lugo fai 4 anos.