Partido Popular de Lugo

Castiñeira fará as Inspeccións Técnicas de Edificios gratis para todas as construcións e vivendas para que as revisións sexan máis áxiles, máis cómodas e máis seguras

Lugo, 29 de abril de 2011.- O candidato popular á alcaldía de Lugo Jaime Castiñeira anunciou esta mañá nunha rolda de prensa que, se é elixido alcalde, as Inspeccións Técnicas de Edificios serán gratuítas para todas as construcións e vivendas. O obxectivo é que as Inspeccións sexan máis cómodas, máis áxiles, máis seguras e menos molestas para os veciños.

Castiñeira explicou que asinará convenios cos colexios profesionais relacionados con esta materia, de xeito que o Concello de Lugo quede dividido en diferentes áreas para que cada profesional se ocupe dunha zona concreta e sexa o responsable da área.

Castiñeira elixiu a parroquia de Labio para anunciar o compromiso e simbolizar, deste xeito, a discriminación que sufriu o rural. «As parroquias foron especialmente castigadas polo goberno Orozco, xa que, igual que os barrios, tiveron que pagar as Inspeccións, mentres que os veciños do casco histórico o Concello regaloulles as ITEs», argumentou. O popular manifestou que a medida presentada hoxe supón non facer veciños de primeira e de segunda, e dar os mesmos dereitos a todos os veciños.

A proposta non suporá unha carga económica maior para as arcas municipais, xa que cos fondos destinados nos orzamentos para 2011 coa finalidade das Inspeccións Técnica de Edificios servirían para pagalas.

Coa medida de hoxe, ademais da súa gratuídade, a axilidade, a comodidade e a seguridade, quedaría garantida a obxectividade e o igual trato nas diferentes inspeccións, xa que os técnicos revisarían cos mesmos parámetros unificados, a diferenza do que ocorre agora ao haber tantos técnicos con diversidade de criterios e de prezos.

Ademais, o candidato popular á alcaldía de Lugo tamén explicou que esta medida se enmarca dentro dun proxecto urbanístico para o Concello, o Lugo renóvate, que irá concretando nos vindeiros días.

Modificación da ordenanza.- Castiñeira tamén acometerá unha modificación da ordenanza que regula as Inspeccións Técnicas de Edificios (ITEs) para que esta normativa de carácter municipal se limite exclusivamente a aspectos de seguridade e non entre noutras cuestións, coma fai agora o goberno Orozco (fontanería, electricidade, ascensores, etc., que xa teñen outras normativas específicas que as regulan). O popular concluíu lembrando que o PP xa pedira esta modificación da ordenanza neste senso no pleno do 4 de outubro para que a normativa volvese á súa filosofía inicial, «que non é outra que a de garantir a seguridade», pero PSOE e BNG votaron contra a proposición popular.