Partido Popular de Lugo

PROSPERA A INICIATIVA DO GRUPO POPULAR POLA QUE O PARLAMENTO RECLAMA A XUNTA QUE GARANTA O APOIO AO CURSO INTERNACIONAL DE MUSICOTERAPIA

Santiago, 28 de abril de 2011.- No seo da Comisión de Sanidade e Política Social do Parlamento de Galicia celebrada na mañá de hoxe foi aprobada unha iniciativa do Grupo Parlamentario Popular, da que era autor o deputado Jose Manuel Balseiro, e na que se insta á Xunta de Galicia a garantir o apoio ao Curso Internacional de Musicoterapia que cada ano ten lugar na localidade de Mondoñedo. A iniciativa contou cos votos a favor, además do PPdeG, do BNG, e o deputado popular lamentou o non apoio a mesma do PSdeG-PSOE quen pretendía emendala engadindo a posibilidade de asistencia dos nenos ao mesmo  mentres o PPdeG o que pretende coa iniciativa e garantir a viabilidade do curso polo que non aceptou esta emenda.

O mandato da Cámara galega vai dirixido a que a Administración autonómica adopte as medidas oportunas para garantir a asistencia dos escolares con discapacidade a esta actividade de interese público organizada pola Asociación Interdisciplinar Musicosensorial a favor das Persoas con Necesidades Especiais (AIMPNE).

Jose Manuel Balseiro salientou a importancia deste acordo que ven a ser tamén un recoñecemento ao traballo desenvolvido durante os últimos anos por esta entidade no ámbito da estimulación e socialización destes rapaces con diversas minusvalías. Así o consigue AIMPNE neste curso aplicando os efectos beneficiosos da música a través de diversos obradoiros e clases prácticas ofrecidas por profesionais de grande prestixio e persoal voluntario, así como tamén por especialistas do ámbito da saúde que colaboran na integración dos rapaces participantes.

O deputado popular tamén explicou que esta iniciativa xurde como consecuencia do impulso e petición expresa do Partido  Popular local de Mondoñedo e, nomeadamente, da concelleira Elena Candia quen, nos últimos anos ven implicándose na posta en valor desta actividade diante das distintas administracións por tres razóns fundamentais: pola  seriedade e profesionalidade dos organizadores e do persoal participante,  a importancia dos fins que persegue o curso e a repercusión económica que este ten en Mondoñedo.