Santiago, 28 de abril de 2011.- A deputada do Grupo Popular Emma Álvarez Chao salienta que os 47,5 millóns de euros investidos nos Ancares nestes dous anos de mandato demostran o apoio decidido do Goberno de Feijóo aos seis concellos da comarca (As Nogais, Baralla, Becerreá, Cervantes, Navia de Suarna e Pedrafita do Cebreiro), con cuxos alcaldes e portavoces locais do PP manterá hoxe unha xuntanza para facer balance desta primeira metade da lexislatura. Un balance do que a deputada destaca especialmente as actuacións da Consellería de Medio Rural, que investiu máis da metade do total.
Dentro dese investimento cercano aos 24 millóns de euros, Álvarez Chao resalta as axudas á creación e modernización de industrias de transformación, producións de produtos de calidade DOP e IXP e as axudas de produción agrupecuaria, “que chegaron a 667 explotacións”, á marxe do investimento realizado a través do FOGGA nesta comarca, por importe de case 18 millóns de euros repartidos en 1.438 expedientes.
Igualmente, refírese ás axudas do AGADER que, a través da súa Secretaría Xeral, dos proxectos Dinamizadores e dos proxectos LEADER “deixan na comarca preto de 182.000 euros”, ademais das axudas para infraestruturas rurais por importe de 749.000 euros.
A voceira de Montes do Grupo Popular fai especial fincapé nos preto de 3,3 millóns destinados a prevención contra incendios e a ordenación e fomento forestal.
TRANSPORTE E MOBILIDADE.- A deputada popular considera tamén un exemplo significativo da a posta do Goberno do PPdeG pola comarca de Ancares os 13,5 millóns investidos en infraestruturas de transporte e mobilidade, tanto en vías complementarias como en I+D+i e mellora paisaxística de estradas, así como o apoio da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas á adaptación dos PXOM de Baralla, Becerreá, Cervantes e Navia de Suarna, “demostrando o esforzo deste goberno para a ordenación do territorio”.
Na área de Medio Ambiente, Emma Álvarez salienta a dotación de servizos de saneamento e abastecemento de auga potable no barrio da Senra, en Barralla e, no que respecta a vivenda e solo, a rehabilitación de vivendas de promoción pública e a rehabilitación e mantemento de pallozas no Piornedo, en Cervantes, así como a aposta pola segunda fase do parque empresarial de Becerreá.
INCREMENTO DO 370% DOS DEPENDENTES ATENDIDOS.- O apoio ao comercio e á artesanía e a promoción empresarial, a través de investimentos apoiados ou de préstamos incentivados do IGAPE, “que contribuíron ao desenvolvemento económico da bisbarra”, son igualmente aspectos destacados pola deputada, quen fai tamén referencia ás escolas obradoiro e aos programas de cooperación da Cosnellería de Traballo e Benestar.
No que respecta ás políticas sociais, salienta os 226.000 euros investidos na escola infantil de Baralla e, no eido da Dependencia, o incremento dun 370% dos dependentes atendidos. A este respecto, remarca que 2,5 de cada 3 atendidos “corresponden a expedientes que o Bipartito deixara sen atender” e lembra que esta prestación debería ser sustentada ao 50% entre o Goberno central e a Xunta e que, porén, na actualidade “é a Xunta a que está achegando o 70%”.
Por último, a deputada destaca os preto de 600.000 euros que inviste a Secretaría Xeral de Medio para a transición á TDT nos seis concellos.
DIFÍCIL PUNTO DE PARTIDA.- Para a deputada do Grupo Popular, o balance xeral destes dous anos é “especialmente positivo se temos en conta o difícil punto de partida” para o Goberno de Feijóo. Nese sentido, lembra que este contou “con 1.200 millóns de euros menos que o anterior e agora vese obrigado a devolver outros 2.500, ademais de deixar de recibir 805 máis polo incumprimento do acordo de financiamento por parte do Executivo central socialista”.
Malia esa situación, “o Goberno do PPdeG conseguiu dar pasos adiante, pasando do despilfarro do anterior Executivo ao control orzamentario” e impulsando iniciativas como o diálogo social, o Plan Estratéxico, as rebaixas selectivas de impostos, a formación de desempregados, o incremento nun 50% das axudas do IGAPE ás empresas, o Plan Move de infraestruturas viarias, as 2.000 novas prazas en escolas infantís, o incremento dos orzamentos para a Dependencia, a diminución da espera media cirúrxica ou as axudas destinadas ao sector lácteo.