Partido Popular de Lugo

Castiñeira presenta un programa «realista, cumprible e pensado para gobernar» centrado na creación de emprego, na seguridade e na austeridade

Lugo, 28 de abril de 2011.- O candidato popular Jaime Castiñeira presentou esta mañá en rolda de prensa o programa electoral co que concorrerá ás vindeiras eleccións municipais.

Acompañado polo presidente provincial José Manuel Barreiro, a coordinadora do programa Cristina Ares e unha quincena de membros da súa candidatura, Castiñeira escolleu a rúa peonil Divina Pistora porque o reequilibrio dos barrios e do rural respecto ao centro da cidade vai ser un dos sinais de garantía do seu goberno municipal. «A Milagrosa, igual que Augas Férreas onde presentei a candidatura, e outros barrios para min son igual de Lugo que o centro», recalcou.

O candidato popular á alcaldía de Lugo explicou que o seu programa electoral está orientado á creación de emprego, a reactivación económica, a seguridade, o reequilibrio entre barrios e o benestar social. O documento contempla un triple obxectivo:
·        Reactivar a economía lucense e crear postos de traballo no municipio
·        Mellorar a calidade de vida de tódalas veciñas e veciños de Lugo, vivan onde vivan
·        Pór o Concello de Lugo ao servizo dos lucenses (en lugar de ter os lucenses ao servizo da administración municipal): implantar un novo modelo de xestión pública no Concello de Lugo, que sexa máis áxil e transparente, racionalizando o gasto e mellorando a coordinación con outras Administracións públicas.

Castiñeira agregou que o programa inclúe medidas como o plan de optimización de recursos, un plan de austeridade, un rexistro municipal de empresas, un estudo integral da cidade, a axilización de trámites administrativos, a revisión do PEPRI, o redeseño do transporte público, a mellora na xestión social, a creación dun Punto de Atención de Urxencias en Servizos Sociais (PAUSS), unha reorganización da Policía Local, a extensión da cobertura móbil e da banda ancha á zona rural, un Plan de mantemento das pistas, un viveiro de naves industriais no polígono das Gándaras… Son só algúns exemplos dun programa que non é un bride ao sol, nin vai ser un documento para gardar nun caixón detrás de pactos ocultos. Ao contrario, presentamos un programa «realista, cumprible e pensado para gobernar», igual que a candidatura que o lidera. 

O popular tamén concretou que o seu programa será traducido ao Braille como proba do seu compromiso social que o levou a reunirse con innumerales colectivos deste tipo para recoller as súas suxerencias. Subliñou que este documento avala un dos primeiros compromisos, o da austeridade e a xestión, xa que hai que pagar o que debemos e non gastar o que non temos, co obxectivo de facer máis con menos.

Un líder preparado e cualificado.- O presidente provincial do Partido Popular José  Manuel Barreiro asegurou que Jaime Castiñeira está “perfectamente preparado e cualificado” para ser un bo alcalde para Lugo. 

Na súa opinión, “é un síntoma inequívoco de que é a persoa idónea para liderar o futuro de Lugo e para afrontar con seriedade e rigor a difícil conxuntura na que nos atopamos é que, antes de prometer nada, adicou moitas horas e días a saber cómo está o noso concello e qué queren os seus habitantes”. Por esa razón, segundo Barreiro, “hoxe presenta aquí un programa de goberno racional e realizable”.

“Un programa”, engadiu, “no que teñen voz e parte todos as persoas que o acompañan na súa candidatura porque, do mesmo xeito que é moi importante saber a onde se quere chegar e qué facer, tamén o é contar cun equipo unido e comprometido con ese proxecto”.

O presidente dos populares lucenses recalcou que Castiñeira coñece exhaustivamente cada recuncho deste municipio e sabe de primeira man os problemas e os anhelos dos lucenses. “Con este obxectivo estivo percorrendo rúa por rúa, barrio por barrio e parroquia por parroquia este concello e fixoo moito antes de que principiara a precampaña electoral. Nesas visitas e durante os encontros mantidos cos veciños foi elaborando o programa electoral que hoxe presenta”.

Un programa, explicou Barreiro, que fai, como non podería ser doutro xeito, especial incidencia naqueles aspectos que máis preocupan os cidadáns “e, dadas as circunstancias, unha das cousas que máis preocupa é saber se teremos traballo en Lugo para seguir vivindo en Lugo”. Castiñeira establece na súa acción de goberno como prioridade o desenvolvemento económico do noso concello e fixa un gran número de medidas concretas a adoptar encamiñadas a promocionar, favorecer e promover o sector empresarial, con especial atención ás pequenas empresas, ó comercio e á hostelería porque son eles os que máis postos de traballo estables e de calidade xeneran.

“Jaime Castiñeira e o seu equipo teñen ideas, moitas e boas, e encamiñadas, ademáis, na dirección correcta. O 23 de maio principiaremos a aplicalas”, concluíu, ao tempo que o cualificaba de «programa gañador» e «que non esconderemos nun caixón como teñen que facer outros», lembrando que Orozco comprometía en 2007 a finalización do Plan Paradai e a chegada do AVE.