Santiago, 26 de abril de 2011.- O Grupo Popular, a través do seu voceiro de Medio Ambiente, Daniel Varela, defendeu hoxe no Pleno do Parlamento a solución dada polo Goberno do PPdeG na Xunta para a situación dos habitantes da illa de Ons, unha solución “que non desaloxa, senón que aloxa legalmente”, afirmou Varela.
No debate dunha proposición de lei presentada polos grupos do BNG e do PSdeG, Daniel Varela salientou que a Lei de 2001 e o Regulamento de 2010 que a desenvolve permiten superar a actual situación precaria dos habitantes da illa, outorgándolles por primeira vez un título xurídico. Pola contra, considerou que a iniciativa presentada por nacionalistas e socialistas “o único que fai é embrollar máis o asunto xurídicamente”, puidendo dar lugar a recursos nos tribunais, tanto do Estado coma de particulares.
O Regulamento dá seguridade xurídica ás vivendas e usos tradicionais da illa, mediante unha concesión por 75 anos –o máximo que permite a actual lexislación-, “conxugando o interese xeral de todos, que é o patrimonio natural do único Parque Nacional que hai en Galicia, cos intereses lexítimos dos seus habitantes” e permitindo o desenvolvemento dos servizos básicos necesarios.
TÍTULO XURÍDICO.- Daniel Varela salientou que esta solución permite aos habitantes de Ons abandonar “o limbo xurídico” no que se atopan, ao poder acadar, por primeira vez, un título xurídico, que ademais pode ser transmitido aos seus herdeiros.
Trátase, polo tanto, dunha solución legal “efectiva e non efectista”, que doutra banda, posibilita “poñer orde na illa”. O deputado destacou, doutra banda, que resulta “chamativo” que PSOE e BNG propoñan agora esta alternativa conxunta, cando puideron facelo na etapa na que gobernaron e tiñan maioría no Parlamento.