Partido Popular de Lugo

Castiñeira anuncia varias medidas para fomentar a creación de emprego nun vídeo en www.oteualcalde.com

Lugo, 26 de abril de 2011.-  O candidato popular Jaime Castiñeira presentou hoxe varias medidas para fomentar a creación de emprego que inclúe o programa electoral co que concorrerá ás eleccións do vindeiro 22 de maio.

Como proba do seu compromiso coas novas tecnoloxías, o popular colgou un vídeo na súa web persoal www.oteualcalde.com no que avanza parte dos compromisos que adquire en materia de traballo:

·     Un viveiro de naves industriais de titularidade municipal no polígono das Gándaras: cada nave tería entre 300 e 500 metros cadrados. Trátase de naves cunha superficie de entre 300 e 500 metros cadrados, co cal virían a cubrir un oco que existe neste momento no Concello para estas firmas que precisan desta extensión. As naves están concebidas para poñer solo a disposición de empresas que se asenten en Lugo ou que procedan dos viveiros que existen actualmente. En función das condicións, as firmas terían que aboar un aluguer moi barato ou ben terían unha instalación gratuíta. Neste momento, hai organizacións de base tecnolóxica xurdidas ao abeiro da CEL e da Universidade que teñen que marchar fóra polas súas necesidades específicas.

·     A axilización de trámites municipais que redunde na creación de emprego: as licenzas de obra menor e de actividade expediranse en menos dun mes, un período moi inferior ao actual

·     A creación dun Plan Municipal de Emprego e dunha bolsa de currículos para atallar o paro xuvenil, posto que o noso Concello non é alleo á “gravísima” situación dos mozos

·     A elaboración dun Rexistro Municipal de Empresas para dar participación a todas as empresas lucenses nos contratos públicos do Concello e, dese xeito, garantir que todos os interesados poidan participar en igualdade de oportunidades, a diferenza do que acontece actualmente

·     A revisión do PEPRI (o Plan Especial de Protección de Reforma Interior) para adaptalo á realidade, posto que o Plan leva en vigor dende o ano 1997, sen que Orozco fora capaz de modificalo nos seus 12 anos á fronte do Concello, malia que o prometeu dende o seu primeiro ano de alcalde.

·     Un Plan de Apoio e Dinamización ao comercio tradicional co obxecto de combater o continuo goteo de peches que se está a producir na cidade por mor dos efectos da crise económica. Isto completarase cun impulso especial aos programas de desenvolvemento comercial  tanto no casco histórico como en  zonas con maiores dificultades.

O vídeo, que tamén se pode atopar nos perfís do candidato en Facebook e Twitter, así como na rede de vídeos de Youtube (http://www.youtube.com/watch?v=ayjup0ZvIQI), forma parte da serie Lugo Quere coa que o candidato vai desgranando as súas propostas. Logo de presentar o Lugo Quere Seguridade, agora é a quenda de Lugo Quere Emprego. Nos vindeiros días, continuará avanzando medidas no eido económico e de reequilibrio de barrios, entre outros temas.

Orozco = destrución de emprego.- No vídeo, Castiñeira tamén fai un repaso da “enormemente preocupante” situación que vive o concello de Lugo, xa que foi a cidade galega na que máis medrou o paro no último mandato de Orozco. De feito, o número de parados incrementouse en máis dun 75%, moi por riba da media galega. 

O popular contrapuxo as medidas de creación de emprego que el presentou co modelo Orozco, que se caracterizou pola destrución “a pasos axigantados” de postos de traballo. Nese senso, lembrou que desapareceron os empregados do Mirador da Cafetería do Parque, que foi derrubada e na que se gastaron 720.000€ en levantar outra a carón. 

Tamén apelou ao caso do complexo deportivo de San Fiz, no que o Concello regala terreos a unha empresa privada, poñendo en risco a supervivencia económica das máis de 200 familias empregadas directamente nos 28 ximnasios lucenses ou nos numerosos postos de traballo que dependen deste sector deportivo.