Partido Popular de Lugo

Castiñeira afirma que as Torres do Parque son o símbolo da xestión urbanística do peor alcalde da historia de Lugo

Lugo, 26 de abril de 2011.- O voceiro popular no Concello de Lugo Jaime Castiñeira afirmou esta tarde en rolda de prensa diante das Torres do Garañón que «os edificios que se ven ás súas costas son o símbolo da xestión urbanística do peor alcalde da historia de Lugo».

Castiñeira fixo esta reflexión logo de que hoxe o Xulgado do Contencioso-Administrativo número 1 de Lugo anulase a licenza de edificación das torres. O voceiro popular lembrou que coa de hoxe xa van tres sentenzas (dúas de xulgados de Lugo e unha do TSXG (Tribunal Superior de Xustiza de Galicia)) que anulan as decisións urbanísticas do goberno Orozco só en relación coas Torres das Costas do Parque (da finca da CS-5). A estas tres sentenzas hai que engadir o auto de paralización da construción destas torres emitido tamén pola Xustiza en novembro do ano pasado.

O popular afirmou que «os dous corresponsables» dos volumes son Orozco como alcalde de Lugo e Gómez Besteiro como Concelleiro de Urbanismo no momento en que se aprobou o convenio para a construción, o día 31 de decembro de 2005, coas portas da Casa do Concello pechadas: «un día inhábil pero no que eles pretenderon estar moi hábiles», asinando un convenio «moi bo para o promotor e moi malo para os lucenses» (podedes consultar o documento http://www.ppdelugo.com/adjuntos/cNoticias/11_2_convenio_1.pdf ).

Indemnización.- Podedes ver a cláusula quinta (páxina 7). 

Castiñeira estimou en 15 millóns de euros a indemnización que haberá que aboar ao promotor por danos sufridos e por lucro cesante perdido. A esta cifra habería que engadir danos e prexuízos, así como os intereses de demora. O popular afirmou que co novo Decreto de Zapatero o Concello non pode nin pedir crédito nin vender patrimonio para saldar a compensación, polo que se preguntou cómo pensa pagar o goberno Orozco esta compensación. Por iso, instou ao rexedor a pronunciarse publicamente a este respecto.

PXOM.- O voceiro popular lembrou que o novo PXOM foi corrixido polo PP ao detectar que o goberno local pretendía validar a urbanización do Garañón pola porta de atrás ao asumila como ordenanza de volumetría específica en lugar de contemplala como planeamento incorporado. 

Tamén quixo aclarar que a sentenza xudicial o que anula son as licenzas derivadas da xestión municipal do goberno de Orozco feita en relación a esta superficie.

Informe da Consellería de Cultura.- Castiñeira lembrou que a Consellería de Cultura, nos informes da Comisión Territorial de Patrimonio Histórico de 26 de xullo de 2007, a petición da Dirección Xeral do Patrimonio e non do Concello, informaba desfavorablemente do PERI do Garañón. Por iso, entende que «resultaría moi complicado de admitir que a Consellería de Cultura vaia agora contra as súas propias resolucións».

Estación de autobuses.- Por último, o voceiro popular tamén argumentou que «parece que Orozco non escarmentou da súa afición polas torres», en referencia á pretensión de Orozco e Blanco de recalificar a estación de autobuses para levantar 3 torres de 9 alturas coma as do Garañón.