Partido Popular de Lugo

RAMÓN FERNÁNDEZ REIVINDICARÁ A IMPLANTACIÓN DUN CICLO SUPERIOR DE VITIVINICULTURA PARA CHANTADA

Chantada, 25 de abril de 2011.- A oferta de ensino público en Chantada verase mellorada coa implantación dun ciclo superior de Vitivinicultura. Así o anunciou o candidato do Partido Popular á Alcaldía de Chantada, Ramón Fernández Reinoso. Este reunise cunha representación do comité executivo de Novas Xeracións de Lugo. Á xuntanza acudiron Daniel Vega, presidente provincial de NN.XX; Jacobo da Silva Ares, secretario de presidencia; Sofía Pérez Fernández, vicesecretaría territorial. O obxectivo deste encontro foi reafirmar o compromiso do PP de Chantada de responder ás demandas da poboación máis nova e trasladarlles as propostas electorais que os populares locais teñen para a xuventude.

O cabeza de lista do Partido Popular defendeu a participación dos mozos e mozas no futuro de Chantada. «O crecemento do noso pobo pasa polas mans da mocidade. Deles depende, en gran medida, o emprendemento e a innovación. Por iso, é necesario facer de Chantada un concello atractivo para a xuventude, conseguindo que todo ese potencial das xeracións máis novas non marche na busca doutras saídas nas cidades veciñas», sinalou Fernández Reinoso.

Neste sentido, Fernández Reinoso anunciou que, cando acceda á Alcadía,  traballará decididamente para implantar un ciclo superior de Vitivinicultura en Chantada, co obxectivo de que os mozos e mozas poidan atopar máis saídas laborais dentro do concello, onde o sector vitivinícola ten un peso fundamental.  «Chantada  é  unha das subzonas máis importantes da D.O Ribeira Sacra, o que supón un valor engadido no futuro da xuventude do pobo. Debemos conseguir que os nosos fillos e os nosos netos aposten por Chantada», resaltou o alcaldable do PP.

Así mesmo, o candidato popular manifestou a necesidade de idear novas formas de ocio nas que a xuventude poida investir o seu tempo de lecer dentro do pobo, sen necesidade de desprazarse fóra. 

Pola súa parte, o presidente das Novas Xeracións, Daniel Vega, reivindicou a participación activa da xuventude chantadina na vida do municipio. «Desde as Novas Xeracións do PP queremos achegar a realidade  de Chantada a todos os mozos e mozas, espertando neles o interese pola política local e así poder opinar nas decisións que nos afectan directa ou indirectamente os máis novos», destacou. Tamén agradeceu que, amais de incluír as demandas da xuventude no programa electoral, na candidatura do Partido Popular chantadino haxa unha destacada presenza de xóvenes.