Partido Popular de Lugo

O GPPP avoga pola optimización da execución orzamentaria da Deputación

Lugo, a 25 de abril de 2011.- O Grupo provincial do Partido Popular levará ó pleno que se celebrará mañá unha moción na que insta á Deputación a elaborar un plan de seguemento e optimización da execución orzamentaria, co fin de supervisar o gasto da institución provincial e elevar o grao de execución dos investimentos reais.

Os populares entenden que a “eficacia” dunha administración pódese medir polos seus niveis de execución do orzamento, especialmente no que atinxe ós apartados de inversións reais e transferencias de capital. E é a través da execución eficiente do presuposto como unha administración pública pode colaborar na tarefa de reactivación da actividade económica ó tempo que colabora na xeración de emprego.

Nembargantes, lembran dende o GPPP, a execución do orzamento da Deputación de Lugo nos últimos tres anos foi moi deficiente. No 2008 foi do 46,7%, no 2009 foi do 54,94% e no 2010 quedou nun 46,9%. Cifras que aínda resultan peores se se circunscribe á execución do gasto productivo, pois nos capítulos de inversións reais e de transferencias de capital a institución provincial só executou de media un tercio das partidas previstas.

Os populares consideran que é imprescindible mellorar os niveis de execución do presuposto para que a Deputación se poida convertir nun elemento dinamizador  da economía lucense.

O GPPP tamén levará ó pleno outra iniciativa coa que pretende que a administración provincial inste ó goberno central a eliminar da regulación sobre ó sector fotovoltaico as medidas que incrementen a inseguridade xurídica,  tales como os recortes retroactivos previstos á retribución das instalacións solares ou, no seu defecto, adoptar as modificacións desas medidas retroactivas nos termos nos que se comprometeu o ministro de Industria o pasado 10 de marzo.

Explicitan os populares que as medidas adoptadas polo goberno en relación co sector fotovoltaico no Real Decreto-lei 14/2010 establecen, entre outros elementos, fortes recortes retroactivos á retribución das instalacións solares existentes. Tales medidas conlevan gran inseguridade xurídica e un caos regulatorio que, para os populares, provocará un alto dano económico e un duro golpe á viabilidade de numerosas instalacións, afectando especialmente ós pequenos productores. 

Salientan dende o GPPP que na provincia de Lugo hai máis de dúas mil familias afectadas por estas medidas do goberno e que o  pasado 10 de marzo o ministro de Industria comprometeuse cos representantes do sector a adoptar unha serie de medidas para suavizar eses recortes retroactivos. Sen embargo, a día de hoxe, o Ministerio aínda non cumpríu o seu compromiso.