Partido Popular de Lugo

Castiñeira anuncia melloras na seguridade cidadá, no pago de subvencións ás asociacións, compromete orzamentos participativos e a aprobación do novo Regulamento de Participación Cidadá

Lugo, 25 de abril de 2011.- O candidato popular á alcaldía de Lugo Jaime Castiñeira anunciou no serán de hoxe que, no caso de ser elixido alcalde o vindeiro 22 de Maio, mellorará a seguridade cidadá, ao devolver á rúa a Policía Local. Nese senso, avanzou que reestruturá a Policía poñendo ao seu fronte os verdadeiros profesionais que xa existen no seo deste corpo, con dous obxectivos principais: o de acadar maior presenza policial na rúa e o de garantir a seguridade de todos os lucenses. A meta é que «Lugo pase de ser unha cidade segura só en estatísticas a selo na realidade».

Castiñeira tamén anunciou que potenciará aos axentes de mobilidade para mellorar a ordenación de tráfico na cidade e aproveitará aos axentes da Policía Local para as funcións propias de Policía Xudicial e seguridade cidadá.

O compromiso adquiriuno no seo dunha xuntanza coa Federación de Asociación de Veciños, na que tamén participaron varios membros da súa candidatura.

Orzamentos participativos.- O candidato á alcaldía do PP, Jaime Castiñeira, afirmou que os presupostos participativos convertiranse “nun sinal de identidade do seu goberno”. Castiñeira considera  “unha indecencia” que se “limiten as aportacións dos veciños á condición de simples suxestións”,  en relación ao incumprimento reiterado por parte de Orozco da implantación duns orzamentos participativos reais.
“Nós non imos enganar á cidadanía chamando orzamentos participativos a algo que se limita a unha mera consulta epistolar”, coa actitude do alcalde queda clara a súa dobre cara: “fala de participación cando o que ofrece é un modelo autoritario descafeinando as propostas dos veciños”.

Castiñeira lembrou que foi o PP o que forzou a aprobar en pleno a proposta dos presupostos participativos. A iniciativa xurdiu gracias a unha  iniciativa do Grupo Popular que no pleno do 30 de xuño do ano 2008 conseguiu o apoio do equipo de goberno para que prosperase esta proposta “nótase que  Orozco e o seu equipo apoiaron, “por obligación e non por devoción” esta iniciativa popular” insistiu Castiñeira. 

Outros compromisos.- Castiñeira tamén avanzou dous compromisos máis, relativos á aprobación ao longo do próximo mandato do novo regulamento de Participación Cidadá e porá os medios necesarios para a súa plena aplicación. Ademais, tamén adiantará as convocatorias de subvencións ao mes de febreiro para favorecer que as asociacións saiban con qué diñeiro contan en Maio, cambiará os criterios de valoración e fará unha convocatoria por servizo, de xeito que saian beneficiados os colectivos. Ademais, as asociacións que veñen recibindo axudas anualmente pasarían á categoría de entidades que reciben subvencións nominativas.