Partido Popular de Lugo

O PARLAMENTO APROBA UNHA INICIATIVA DO GRUPO POPULAR DESTINADA A PROTEXER OS INTERESES DOS PROPIETARIOS AGRARIOS FRONTE AOS DANOS OCASIONADOS POLO GANDO SOLTO

Santiago, 20 de abril de 2011.- A Comisión de Agricultura do Parlamento galego aprobou hoxe unha iniciativa do Grupo Popular destinada a protexer os intereses dos propietarios agrarios fronte aos danos ocasionados polo gando solto. Defendida por Emma Álvarez Chao, a proposición non de lei, en cuxa votación se abstiveron os grupos da oposición, insta á Xunta a adoptar unha serie de medidas respectando o valor patrimonial e medioambiental do cabalo galego.

Así, a iniciativa aprobada insta á Xunta a propiciar os cambios legais necesarios que permitan aos concellos o sacrificio inmediato, en matadoiros autorizados, das reses sen identificar que invaden propiedades privadas. Igualmente, insta ao goberno galego a promover cercados gandeiros para controlar a vexetación e garantir que o gando non invada zonas onde é prexudicial a súa presencia e instrumentar procedementos de defensa eficaz dos propietarios ante a presencia de gando sen autorización en terreos privados.

A iniciativa demanda tamén colaboración da Xunta cos concellos que así o soliciten para facilitarlles asistencia técnica no seu labor de control das reses mostrencas e a creación dun rexistro de terreos de pastoreo regulado. Por último, pide que se obrigue aos donos de gando en cercados, cando os propietarios dos terreos o esixan, á realización dunha marcaxe visible, ademais do microchip obrigatorio.

PROBLEMA HABITUAL EN TODAS AS COMARCAS.- A deputada popular salientou que que é un problema “habitual en todas as comarcas de Galicia” a presenza de reses mostrencas, particularmente cabalos, que pastan en liberdade ou semiliberdade nos terreos forestais “e sen ningunha marcaxe que os identifique a pesar de ser obrigatorio dende a publicación da orde do 29 de marzo de 2010”. Unha realidade que levou ao Grupo Popular a presentar, xa en outubro pasado, unha iniciativa “que trataba de buscar puntos de encontro para poñer o inicio e solucionar esta problemática”. A aprobada hoxe “vai máis aló, querendo dar cobertura legal áxil á problemática que se atopan os concellos que requisan reses mostrencas”.

Doutra banda, Álvarez Chao lembrou que a Consellería de Medio  Rural está a incentivar, por segundo ano consecutivo, unha liña de axudas á identificación de gando equino dos montes galegos, incidindo na obriga de que todos estean identificados.