Lugo, a 20 de abril de 2011.- O Grupo provincial do Partido Popular califica de inmoral que altos cargos do Partido Socialista en Lugo que son asalariados da Deputación formen parte de tribunais nos que se selecciona personal para a propia institución provincial.
Os populares consideran indigno e infame que destacados membros dos socialistas lucenses que foron colocados “a dedo” na Deputación polos seus compañeiros de partido asuman agora ademais responsabilidades nestes tribunais para, segundo se temen, facilitar a colocación doutras persoas afíns ó goberno provincial.
Ó presidente da Deputación José Ramón Gómez Besteiro non lle chegou con colocar ós seus “compañeiros políticos” en altos cargos da administración provincial, xenerosamente retribuidos ademais, senón que agora tamén os designa para que se encarguen de acomodar a outras persoas, que previsiblemente tamén compartirán a mesma sintonía política.
Trátase do secretario de Organización da executiva provincial socialista, Luis Rodríguez Edrosa, o que fora delegado de Presidencia en Lugo durante a Xunta bipartita e agora director do Inludes; de José Carlos Ferreiro Otero, destacado membro da executiva local do PSOE en Lugo e actualmente asesor técnico do Inludes; e de Miguel Angel Fernández López, rexidor de Triacastela e director da granxa Gaioso Castro, dependente da Deputación.
Edrosa é presidente dos tribunais para a contratación de un administrativo e cinco de auxiliares administrativos e vocal titular en outros tres, concretamente para cubrir unha praza de arquitecto técnico, catro prazas de técnicos de xestión e unha de coordinador de exposicións.
No que atinxe a Ferreiro Otero coincide con Edrosa nos tribunais dos que éste é presidente en calidade de vocal titular; e é vocal suplente nos que os secretario de Organización dos socialistas lucenses é vocal titular.
No que respecta a Miguel Angel Fernández actuará como vocal titular na tribunal encargado de elexir un veterinario.