Partido Popular de Lugo

O PARTIDO POPULAR DE CHANTADA PRESENTA UNHA CANDIDATURA PARA GARANTIR O CAMBIO

 

Chantada, 18 de abril de 2011.- A candidatura que o Partido Popular de Chantada presentará ás próximas eleccións municipais destaca pola súa renovación, xa que once dos dezaseis integrantes da formación son debutantes na política local. Trátase dunha lista deseñada para gobernar, na que figuran persoas con experiencia en diversas áreas de xestión.

Tras o cabeza de lista popular, Ramón Fernández Reinoso, van, por esta orde, María Paz Polo, avogada; Víctor López Gómez, empresario; Dorotea Gómez Rodríguez, auxiliar de farmacia; Noelia López Ledo, farmacéutica; José Luís Janeiro, transportista e actual edil; Francisco Javier Rodríguez Medela, xerente GDR Miño-Ulla; Verónica Prado, técnica especialista en Administración e Dirección de Empresas; Manuel Constantino Eiré Poyán, ex encargado de planta de formigón; Erika Fernández Ledo, técnica superior en Administración de Empresas; Javier López Rodríguez, agricultor; Ana Belén García López, gandeira; Sergio Vázquez Yebra, avogado e ex-alcalde chantadino. A lista péchase con tres candidatos suplentes: Cristina Abad Díaz, enxeñeira técnico agrícola; Antonio Mazaira, estudante de Administración e Dirección de Empresas; e Ana María Sánchez Rodríguez, auxiliar de servizos sociais.

Segundo subliñou o candidato popular á Alcaldía de Chantada, Ramón Fernández Reinoso, trátase dunha lista paritaria, formada por profesionais pertencentes a diferentes sectores, como a avogacía, a xestión empresarial ou o ámbito rural. O rango de idade nos postos altos da candidatura está entre os 29 e os 60 anos. Neste sentido, Fernández Reinoso asegurou que é unha candidatura equilibrada e sólida, que reúne o espírito renovador das novas ideas dos que chegan coa traxectoria e experiencia política das persoas arraigadas dentro do partido, como é o caso do Sergio Vázquez Yebra, ex alcalde, ou Dorotea Gómez, ex concelleira de Servizos Sociais. «Esta é a candidatura do cambio, ideada para gobernar Chantada e sacar ao noso pobo da situación de estancamento na que se atopa», dixo o candidato do Partido Popular.
Fernández Reinoso asegurou que a lista dos populares está integrada por persoas comprometidas co seu pobo. «Sabemos que nos esperan catro anos difíciles, nos que haberá que traballar a reo para mellorar Chantada e sacar ao Concello dos números vermellos. Temos un proxecto político cargado de intencións e ilusións que poñeremos en marcha tan pronto nos fagamos co goberno local. Asumimos o reto de facer medrar a Chantada», apuntou o aspirante á Alcaldía.  

Así mesmo, o candidato popular engadiu que os integrantes da lista electoral contan coa formación e experiencia profesional para saber xestionar baixo parámetros de austeridade os recursos cos que conta o Concello. «Somos persoas, na súa maioría, acostumadas á xestión empresarial e a valorar a rendibilidade das cousas, capacidades que se fan necesarias para poder salvar as arcas municipais», sinalou Fernández Reinoso.