Partido Popular de Lugo

Membros do comité de dirección de Novas Xeracións da provincia asumen novos cargos na executiva nacional da agrupación política

Lugo, 17 de abril de 2011.-  Novas Xeracións da provincia de Lugo conta a partir desta fin de semana con representación na directiva nacional da agrupación político xuvenil vinculada ao Partido Popular. Dous membros da agrupación lucense aceptaron novos cargos no congreso celebrado en Zaragoza e no que se elixiu como presidenta nacional de Novas Xeracións a Beatriz Jurado e como secretario xeral ao presidente galego de NNXX, Javier Dorado. 

O presidente provincial, Daniel Vega e o secretario xeral de Novas Xeracións de Galicia, Juan Francisco López Prieto, son membros natos da nova xunta, mentres que a vicesecretaria territorial de NNXX en Lugo, Sofía Pérez Fernández é vogal no comité executivo nacional. Os tres lucenses aceptaron o seus respectivos cargos conscientes da responsabilidade asumida e da importancia da agrupación e do seu traballo. Coas novas responsabilidade na xunta nacional expanden o seu cometido no Partido Popular a todo o Estado español.

Os novos membros da executiva nacional acordaron que as novas responsabilidades son froito do traballo a prol dos novos e da sociedade lucense que se está promovendo dende a agrupación provincial. “Este novo cargo é o recoñecemento a nivel nacional da labor que estamos realizando dende Novas Xeracións da provincia de Lugo”.  Así o puxo de manifesto, Daniel Vega, tralo seu regreso do congreso en Zaragoza. Unha opinión compartida por Sofía Pérez quen considera que ser vogal na xunta nacional “non só nos permitirá levar a Lugo polo resto de España, senón que tamén me axudará a aprender dos novos compañeiros e así conseguir materializar novos proxectos para os xóvenes de Lugo”.