Partido Popular de Lugo

O PPDEG SOLICITA CURSOS DE FORMACIÓN PARA TÉCNICOS, SILVICULTORES E OUTROS PROFESIONAIS SOBRE A CREACIÓN DAS SOCIEDADES DE FOMENTO FORESTAL

Santiago de Compostela , 16 de abril  de 2011.- O PPdeG ven de presentar no Parlamento de Galicia unha iniciativa encamiñada a que a Xunta de Galicia realice unha serie de cursos de formación a distintos niveis, para técnicos da Administración por unha banda e silvicultores e outros profesionais por outra,  co fin de afondar nos contidos da Lei de sociedades de responsabilidade limitada e así poidan realizar unha eficaz interpretación da mesma en relación ás Sociedades de Fomento Forestal (SOFOR).  Estas Sociedades, creadas recentemente pola Xunta de Galicia, terán a forma xurídica de sociedades de responsabilidade limitada polo que o Grupo Popular considera necesario que os implicados teñan o suficiente coñecemento das mesmas e demais lexislación de carácter mercantil que lles resulte de aplicación.

Na Proposición non de lei presentada o PPdeG tamén solicita a redacción, publicación e difusión dun documento técnico que inclúa as consultas que se poidan considerar mais frecuentes sobre sociedades mercantís e a súa xestión, dirixido tanto a profesionais como a propietarios forestais en xeral. Así mesmo solicita a elaboración dun Manual sobre estas sociedades orientado a profesionais do sector, sendo ambos documentos descargables, para a súa maior divulgación, dende a páxina web da Consellería de Medio Rural.

A deputada popular Emma Álvarez Chao, autora da iniciativa, considera indispensable profundizar no coñecemento e a divulgación destas sociedades “para un maior aproveitamento das vantaxes desta figura propia do dereito privado, con regulación mercantil específica,  que busca a posta valor do monte e o aumento da renda agraria”. A deputada considera tamén que esta  nova figura societaria de Fomento Forestal (SOFOR), aprobada recentemente pola Xunta de Galicia, favorecerá a agrupación forestal e significará un pulo importante para a modernización do monte galego.

Para a deputada popular esta nova figura permitirá un aproveitamento económico rendible e sostible xa que permite dispoñer dunha superficie mínima que favoreza a implantación dun instrumento forestal axeitado e unha xestión eficiente dos diferentes usos e aproveitamentos do monte. Esto se produce xa que “a excesiva fragmentación da propiedade forestal e o seu baixo nivel de articulación corporativa son unha eiva para a sustentibilidade e rendibilidade do monte galego posto que dificultan a constitución de explotacións técnica e economicamente viables, o que impide a súa rendibilidade”. “Coa creación das SOFOR, indicou Álvarez Chao, ou agrupacións de titulares de dereito de parcelas forestais, se permite a creación de explotacións mais rentables nas que poden entrar tamén inversións privadas e socios capitalistas e garantindo o dereito de propiedade dos socios, que teñen unha adscrición voluntaria, e que só ceden os dereitos de uso e a venda de productos por aproveitamento forestal”.