Lugo, a 16 de abril de 2011.- O Grupo provincial do Partido Popular censurou que a Deputación durante estes catro anos non acometera no concello de Pantón ningunha das obras que estaban comprometidas, algunhas delas incluso adxudicadas, por un importe total de 2,6 millóns de euros e, a mes e medio das eleccións locais, o seu presidente, José Ramón Gómez Besteiro, acuda ó municipio a prometer actuacións que non chegan, no seu conxunto, ós 10.000 euros. “Foi a Pantón a ofrecer, nin sequera a asinar, e, polo tanto, a comprometer fehacientemente o que promete. Perdeu ademais unha ocasión de ouro para explicar as razóns polas que non fixo ningunha das obras que estaban previstas”, apuntillan dende o GPPP.
E fixoo, ademais, segundo explicitan os populares, sen comunicar de xeito oficial a súa visita o seu alcalde. Un proceder que, por moito que resulte habitual por parte de Gómez Besteiro, non deixa de ser unha falta de respeto institucional e, por conseguinte, un menosprecio a todos os veciños de Pantón.
Os populares tamén reprochan a Besteiro que tampouco se avanzara nada nesta lexislatura na construcción do polígono industrial de Ferreira, dotación comprometida xa polo anterior goberno provincial pero do que só hai o cartel anunciador posto daquela, nada máis.
Pregúntanse asimesmo as razóns polas que varias obras, recollidas xa nun BOP de maio de 2007, non se levaron a cabo. É o caso do arranxo da estrada de Santamariña a Guítara, presupuestada en 820.000 euros, adxudicada e cos terreos precisos disponibles; da de Ferreira a Goián para a que se consignaran 618.900 euros; a do Curro por Pantón a Touriz, por 559.000 euros ou a de Acedre-Seragude para a que se destinaran 455.000 euros. Incluso a dotación do saneamento a Goián, á que o anterior goberno da Deputación lle consignara 225.000 euros e que, dado a tardanza en realizala, foi asumida e executada pola Xunta, tras a chegada de Núñez Feijoo ó goberno.
Para o GPPP o esquecemento ó que a Deputación someteu ó concello de Pantón nesta lexislatura non supón ningunha novidade, posto que constitúe un trato similar ó que recibiron moitos municipios da provincia. Tampouco sorprende ós populares que a última hora, cando se achegan as municipais, Gómez Besteiro vaia prometer algo, por pouco que sexa, posto que ese é un proceder habitual nos socialistas. Lembran, de feito, que en Pantón aínda están a agardar os 12 millóns de investimento que, nas municipais de 2007, o daquela conselleiro da Xunta bipartita, Ricardo Varela, comprometera e que, evidentemente, non chegaron nunca a materializarse.