Partido Popular de Lugo

Alvarez e Fernández-Couto falaron en Lourenzá e Xove das ventaxas que ofrecen as sociedades de fomento forestal

Xove, a 16 de abril de 2011.- Emma Alvarez e Tomás Fernández-Couto explicaron durante as charlas informativas organizadas polo Partido Popular en Lourenzá e Xove que dende a Xunta, e concretamente dende a Consellería do Medio Rural, estase a impulsar o fomento das agrupacións de propietarios forestais, para o que o Decreto que regula os requisitos e cualificación das sociedades de fomento forestal (SOFOR) e a creación do seu rexistro conforma unha importante ferramenta .

Con esta iniciativa, segundo explicaron, deuse  cumprimento a un dos compromisos máis importantes asumidos no seu momento pola Xunta en materia de ordenación do monte para esta lexislatura. Esta norma confire, de feito, personalidade xurídica á figura das SOFOR, que ten como principal obxectivo acadar unha xestión máis sostible e rendible do monte, a partires das pequenas parcelas de propiedade forestal particular existentes.

Esta nova figura, segundo indicaron, presenta diferentes vantaxes: en primeiro lugar, o feito de ser propia do dereito privado, con regulación mercantil específica; en segundo termo, que a súa finalidade non se restrinxe únicamente á prevención de incendios forestais, senón que vai máis alá, buscando a posta en valor do monte e o aumento da renda agraria; tamén ten ao seu favor a adscrición sempre voluntaria dos propietarios; permítese, ademais, capital privado investidor só no capital social (poden coexistir socios propietarios con outros capitalistas); garántese o dereito de propiedade dos socios, que só ceden os dereitos de uso e a venda de produtos por aproveitamento forestal pode facerse de maneira directa desde a sociedade.

O modelo das SOFOR, voluntario e de responsabilidade limitada ás aportacións para os socios, está baseado no mantemento da propiedade por parte dos titulares dos terreos, que unicamente aportan o uso dos mesmos á sociedade; cun obxecto social especificamente orientado á xestión, aproveitamento e comercialización dos recursos de xeito conxunto. 

Coas SOFOR apóstase por unha explotación económica rendible do monte, que se converte nun factor imprescindible para facer posible unha xestión sostible das superficies forestais de propiedade privada. Este obxectivo resultaba ata o de agora, segundo indicaron, de difícil consecución se se ten en conta a estrutura da propiedade e a organización do monte de particulares en Galicia, que se caracterizaba por unha excesiva fragmentación da propiedade.

Neste senso resulta evidente que para acadar unha explotación económica rendible e sostible do monte é fundamental dispoñer dunha superficie mínima adecuada e, para conseguir isto, é imprescindible, segundo salientaron Alvarez e Fernández-Couto, o impulso e fomento, desde as institucións públicas, das actuacións de concentración, xa sexa da propiedade forestal, xa sexa da xestión da mesma. Neste contexto, considérase que a figura societaria de responsabilidade limitada se adapta adecuadamente ás necesidades de xestión do monte galego. Trátase, ademais, dunha figura que permite unha diferenciación clara e unha articulación flexible entre propiedade e xestión.

Entre as principais finalidades que teñen as SOFOR están, en primeiro lugar, o fomento da incorporación voluntaria a sistemas de xestión conxunta dos aproveitamentos forestais por parte dos propietarios, incluíndo os aproveitamentos e a comercialización das producións forestais dirixidos á mellor ordenación e xestión dos montes galegos. En segundo termo, búscase outorgar un maior protagonismo ás persoas silvicultoras, permitíndolles alcanzar unha rendibilidade das súas propiedades forestais, e a conseguinte consolidación da súa propiedade. Por outra banda, trátase de posibilitar unha axeitada xestión sostible das superficies forestais de propiedade privada, alcanzando superficies suficientemente extensas de xestión conxunta e a aplicación de instrumentos de xestión forestal sostible. Por último, outro dos obxectivos é reducir o nivel de abandono do monte galego e diminuír o risco de incendios forestais.

Terán a consideración de “sociedades de fomento forestal” aquelas agrupacións de propietarios que asocian a persoas titulares de dereitos de uso de parcelas susceptibles de aproveitamento forestal, que ceden os devanditos dereitos de uso á sociedade. Ademais, poderán asociar a outras persoas físicas ou xurídicas que non sexan titulares de dereitos de uso de parcelas, sempre e cando a súa participación non supere o 49% das participacións sociais. Entre os requisitos xerais que se establecen para as SOFOR figuran os de ter a forma xurídica de sociedade de responsabilidade limitada, ter o domicilio social e fiscal en Galicia e inscribirse no rexistro creado a tal efecto no propio Decreto.

Máis polo miúdo, entre as condicións que teñen que cumprir estas figuras societarias atópase a superficie forestal mínima a xestionar conxuntamente que, atendendo á súa tipoloxía, será a seguinte: Para plantacións forestais de froito, 15 hectáreas; para plantacións de frondosas caducifolias ou masas preexistentes de frondosas autóctonas, 25 hectáreas e, por último, para outras plantacións ou aproveitamentos forestais, 50 hectáreas.

Tamén se establece, segundo explicaron, o requisito de que as SOFOR deberán dispor, por calquera medio xurídico válido, dos dereitos de uso da superficie forestal. En canto á delimitación desa superficie, establécese que poderá estar formada por un máximo de tres unidades en couto redondo, sendo a extensión mínima de cada unha delas a equivalente ao 25% da mínima establecida polo propio Decreto.

Poderán incluír ata un 30% de superficie de encravados, que non computarán para a os efectos da superficie mínima esixida, deberán estar contidas nun mesmo termo municipal ou en concellos colindantes e non se verán interrompidas por límites naturais (ríos, lagos, etc.), artificiais (vías de comunicación) nin administrativos (concellos, provincias).

As SOFOR terán que dispor dun Instrumento de Ordenación da Xestión Forestal, aprobado pola dirección xeral competente en materia de montes, entendéndose por tal os proxectos de ordenación de montes, plans técnicos ou outras figuras equivalentes.

Con respecto ao seu obxecto social, destacar que unicamente poderá ser a explotación e aproveitamento en común dos terreos forestais dos que o uso das parcelas foi cedido á Sociedade, mediante unha xestión sostible e viable dos mesmos, concretada nos aproveitamentos forestais definidos na Lei de Montes: Os madeirables e leñosos, incluída a biomasa forestal, os de cortiza, pastos, caza, froitos, fungos, plantas aromáticas e medicinais, produtos apícolas e os demais con valor de mercado característicos dos montes. Son polo tanto posibles SOFOR dedicadas unicamente á produción de madeira, ao aproveitamento de pastos, ou á produción de castañas; ou SOFOR cunha produción combinada, dependendo da orientación que lle dean os propietarios socios das mesmas.

Prazo.- A cesión de dereitos de uso á sociedade realizarase por un prazo indefinido ou determinado e concreto, sempre por un mínimo de 25 anos. Na súa normativa crease tamén o Rexistro de SOFOR, que ten entre as funcións a de inscribir as agrupacións de propietarios forestais e cualificalas con esta figura societaria e, no seu caso, determinar a baixa daquelas que perderan tal cualificación; recibir a información periódica a proporcionar polas SOFOR, cualificala e inscribila; realizar a ordenación, tratamento e publicidade da información rexistral acumulada e resolver as cuestións que sexan da súa competencia, en aplicación da normativa correspondente. 

Incentivos.- Na norma regúlanse ademais os incentivos susceptibles de aplicación para esta figura, establecendo que as SOFOR con inscrición definitiva no rexistro poderán beneficiarse de subvencións de ata o 100% dos gastos necesarios para a realización da concentración privada das propiedades integradas na sociedade. Neste caso, a lo menos o 70 por cento da superficie a concentrar debe ser de titularidade da propia SOFOR ou dos socios da mesma.

Ademais, poderán recibir axudas de ata o 100% dos custos de redacción do proxecto de obras e infraestruturas comúns, e da mesma porcentaxe para cubrir os custos de redacción do Instrumento de Planificación da Xestión Forestal. A subvención poderá chegar ao 70% dos custos de execución de infraestruturas comúns derivadas do proceso de concentración privada das parcelas. Para facilitar a inclusión no rexistro das SOFOR de entidades constituídas baixo distintas figuras xurídicas que agrupen á propiedade forestal, contémplase un período de doce meses, así como axudas específicas.