Partido Popular de Lugo

Castiñeira agradece que a Xunta cumpra con Lugo ao dar o último paso para que o auditorio sexa unha realidade, “malia todas as pedras postas no camiño por Orozco”

Lugo, 15 de abril de 2011.- O voceiro popular Jaime Castiñeira agradeceu a adxudicación da construción do auditorio de Lugo, decidida e respaldada durante o Consello de onte pola Xunta de Galicia. O goberno Feijoo invertirá 17,3 millóns de euros na única cidade galega que carecía desta infraestrutura. Este compromiso chega só un día despois de anunciar o Parlamento que fará a residencia de anciáns solicitada polo propio Castiñeira.

Castiñeira considerou “moi positivou” o “novo paso” dado polo goberno do PP na Xunta, ao tempo que aproveitou a ocasión para lembrar que á chegada de Feijoo ao poder “non había nada pechado en relación co auditorio”. Por iso, insistiu no seu agradecemento, que fixo extensible ao Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, do que subliñou a súa “especial sensibilidade” co Concello de Lugo ao ser a súa Consellería a que (logo dun acordo proposto por Castiñeira ao propio conselleiro) asume a construción da parte da estación de autobuses que se ubicará na nova estación intermodal, evitando así que Orozco e Blanco recalificasen os terreos da actual terminal de buses, tal e como pretendían.

A Xunta de Galicia cumpre con Lugo “todo canto pode e cando pode”, afirmou Castiñeira, en referencia aos investimentos que o goberno de Feijoo ten que adiar sistematicamente, como é o caso do Plan Paradai, un proxecto para o cal Orozco tardou case 12 anos en poñer os terreos a disposición da Xunta. Ao non ser o titular dos terreos, o organismo autónomico non pode facer os investimentos comprometidos paralizando, deste xeito, a súa actuación por culpa do rexedor local e do seu afán de torpedear todo o que fagan outras administracións. 

Castiñeira subliñou como outro exemplo “paradigmático” a oposición do socialista co Polígono das Gándaras, onde a Conselleira de Vivenda do bipartito (BNG) preferiu negociar con bancos, xa que as entidades privadas demandaban menos intereses económicos do que o facía a administración local. O voceiro lembrou tamén que Orozco marchou da presentación da modificación do Plan Sectorial do polígono “porque non a facían os do seu partido”.

“Igual que a Xunta cumpre con Lugo, estou convencido de que os lucenses van cumprir coa Xunta”, afirmou o voceiro popular, quen enumerou os esforzos de Feijoo cos veciños de Lugo, entre eles, novo hospital, remate Polígono das Gándaras, auditorio, transporte metropolitano, rehabilitación da Tinería, etc.

Resposta a Blanco.- Castiñeira tamén quixo referirse ás declaracións de Blanco nas que o Ministro de Fomento presumía de que el ía inaugurar a nova ponte mentres que Feijoo non o podería facer co auditorio. Nese senso, invitou ao titular de Fomento a pedirlle explicacións a Orozco ante esta diferenza de criterio. Por último, o popular asegurou que será un presidente da Xunta do PP o que inaugure o novo auditorio, acompañado por “un presidente da Xunta do PP, un presidente da Deputación do PP e un alcalde do PP”.