Santiago de Compostela , 13 de abril de 2011.- O deputado do PPdeG Miguel Santalices Vieira defendeu no pleno do Parlamento unha emenda na que se insta á Xunta de Galicia a que, a través da Consellería de Sanidade e do SERGAS, se garanta a licitación e equipamento necesario para os servizos de radioterapia, medicina nuclear e hemodinámica durante este ano 2011 no Hospital Lucus Augusti da cidade de Lugo. Miguel Santalices recordou que xa na inauguración do Hospital o presidente da Xunta Alberto Núñez Feijoo fixo este anuncio “que sen dúbida redundará nunha mellora cualitativa e cuantitativa e facilitará a atención para pacientes con problemas de corazón ou cáncer, evitando os seus desprazamentos”. A iniciativa popular foi presentada en forma de emenda a unha Proposición do PSOE e non foi aceptada polos socialistas no pleno polo que non puido ser aprobada.
O deputado popular recordou que “levou 10 anos a construcción desta infraestructura iniciada polo PP e posta en funcionamento polo PP, despois da nefasta política do bipartito na Xunta de Galicia que deixou sen equipar e presupostar o necesario para o mesmo”. Neste senso indicou que “non se poden tardar tantos anos en construír unha infraestructura tan necesaria e deixala mal rematada ou sen equipamentos como fixo o Goberno bipartito na Xunta ”. Así recordou a “triste balance do Goberno bipartito indicando que “vostedes deixaron sen presupostar o necesario para o Hospital, non foron quenes de iniciar a construcción do tan ansiado hospital de Vigo, paralizaron e mesmo enganaron co Complexo Hospitalario de Ourense asegurando que invertirían 120 millóns e euros e a construcción dun novo hospital para rehabilitación psiquiátrica que non foi verdade e non construíron ningún centro de saúde”.
Para Miguel Santalices no PPdeG “somos mais reflexivos e abordamos a construcción de infraestructuras dende outra óptica, sen perder o tempo,seguindo un modelo de pago aprazado cun sistema de concesións de actividades non sanitarias como os que xa existen e vostedes se manifestan en contra dun sistema de construcción rápida e atención pública”.
Ao respecto da dotación tecnolóxica o deputado popular indicou que é necesario buscar “un sistema que permita a mellor dotación para repoñer a que está obsoleta ao mellor prezo con diálogo competitivo, un sistema recollido na lei de contratos do sector público e que facilita a xestión dos recursos de forma rigorosa e eficiente” .Para Miguel Santalices outro obxectivo a desenrolar é “potenciar o modelo de compras centralizado que asegura unha reducción de custes por volume de compra, un tema moi necesario na situación económica actual e é o sistema que se vai utilizar para adquirir, por un importe de 41 millóns de euros, equipos para o Hospital Lucus Augusti entre os que se inclúen TACs, R.M.N., mamógrafos, PET-TAC, equipos de radioloxía dixital, de hemodinámica, vascular ou aceleradores para radioterapia”.
O deputado popular recordou que o bipartito non contemplaba a hemodinámica para Lugo “como ocurríu nun primeiro momento coa de Ourense xa que fixemos varias propostas e votaron en contra aínda que a masiva recollida de firmas e a manifestación conseguiu a posta en marcha en Ourense, con funcionamento de mañá que agora é necesario completar para que funcione as 24 horas”.
Miguel Santalices rematou a súa intervención pedindo “tranquilidade a cidadanía de Lugo, nós iniciamos o Hospital e nos remataremos e o equiparemos dos servizos tan necesarios” e pediulles aos membros da oposición que se sumen “as formas de xestión áxiles, que permiten celeridade na construcción das infraestructuras sanitarias e na dotación de equipamentos coa máxima garantía e aforro económico” ademais de pedirlles que “recapaciten sobre a racionalización da prestación farmacéutica xa que coa actitude do Goberno central os 100 millóns de euros anuais de aforro poden esfumarse”.