Partido Popular de Lugo

O GRUPO POPULAR LEMBRA QUE FOI A XUNTA BIPARTITA A QUE AUTORIZOU POR PRIMEIRA VEZ A INSTALACIÓN DE GAIOLAS DE CULTIVO DE SALMÓN NAS RÍAS GALEGAS

Santiago, 13 de abril de 2011.- O voceiro do Mar do Grupo Parlamentario Popular lembrou que foi a Xunta bipartita, de PSOE e BNG, a que autorizou por primeira vez a instalación de gaiolas de cultivo de salmón nas rías galegas. De feito foi a Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, baixo o mando da socialista Carmen Gallego –e coa complicidade dos nacionalistas- quen asinaba en 2008 a resolución administrativa que autorizaba a instalación destas gaiolas no polígono C de Ribeira, na ría de Arousa, e quen deu inicio á posibilidade administrativa de autorizar novas concesións e sucesivas prórrogas na autorización da explotación desta nova forma de cultivo mariño, segundo o deputado popular.

INCOHERENCIA DO BIPARTITO.- O voceiro do Mar do Grupo Popular, Jose Manuel Balseiro, insistitu tamén na “incoherencia e esquizofrenia política” que supón criticar agora o que o bipartito antes promovía e defendía desde a responsabilidade de goberno da  Xunta. Balseiro lembrou que incluso o BNG levaba a instalación destes novos cultivos mariños no seu programa electoral e, durante a pasada lexislatura, pese  a rexistrar iniciativas preguntando polas gaiolas de salmón nunca as tratou, deixándoas morrer sen incluílas en ningunha comisión ou no pleno do Parlamento para non contariar aos seus socios de goberno.

ACCESO AOS INFORMES CIENTÍFICOS.- O Grupo Popular defendeu o actual posicionamento de apoio ao traslado e instalación destas gaiolas de cultivo de salmón lembrando que mentres a ría de Arousa está saturada polo número das instalacións bateeiras, na de Muros e Noais non é así, e estas instalacións de cultivo de salmón servirán para xerar 100 empregos directos e 200 indirectos e supoñen unha aposta clara pola acuicultura mariña “sobre todo agora que a pesca extractiva tradicional está en crise polo recorte de cotas como no caso do  lirio, a xarda,…” segundo o deputado popular. 

Balseiro xustifica o apoio a Xunta lembrando que, a diferenza do que acontecia na pasada lexislatura, agora si se ten acceso aos informes científicos que o bipartito negaba nos pasados catro anos e que avalan a inocuidade destas instalacións de acuicultura mariña. Tanto o departamento de bioloxía da Universidade de Vigo, como o Cluster de Acuicultura, como expertos do Centro Superior de Investigacións Científicas son favorables na súa análise de posibles efectos do cultivo de salmón en gaiolas flotantes no mar.

COMISIÓN DE SEGUIMENTO.- Finalmente Jose Manuel Balseiro tamén sinalou que hoxe existe o compromiso da Conselleira do Mar que, “de detectarse o máis mínimo problema na ría de Muros e Noia paralizaría este proxecto”. Ademais está creada e en proceso de constitución unha comisión de seguimento conformada pola Xunta, as confrarías de Muros, Noia, Portosín, Porto do Son, dúas asociacións de bateeiros e a empresa propietaria das gaiolas “na que se estableceron os parámetros de avaliación deste cultivo experimental e o seu impacto no medio e na que se estudarán o resultado das análisis periódicas que nestes espazos se están a realizar”.