Partido Popular de Lugo

O PARLAMENTO DE GALICIA DEBATERÁ MAÑÁ UNHA PROPOSICIÓN NON DE LEI DE CASTIÑEIRA PARA QUE A XUNTA CONSIDERE PRIORITARIO UN XERIÁTRICO EN LUGO

Santiago, 12 de Abril de 2011.- O Parlamento de Galicia debaterá na sesión plenaria de mañá mércores unha Proposición non de Lei presentada polo deputado autonómico Jaime Castiñeira na que insta á Xunta de Galicia a considerar como «prioritaria» a creación dunha residencia de maiores no Concello de Lugo.

A proposición non de lei non se refire a ningunha ubicación prefixada para esta dotación, xa que «o primeiro é conseguir atraela para Lugo». Unha vez se aprobe, será o momento de decidir o emprazamento, que Castiñeira entende debe ser consensuado entre o Concello de Lugo e a Xunta de Galicia. Hai que analizar o desenvolvemento da cidade, dos propios barrios e ver tamén cál é a mellor situación para que os anciáns poidan quedar aloxados.

Castiñeira e o seu partido apostan por Lugo con independencia do momento preelectoral no que nos atopamos. «Iso é o que nos diferencia do PSOE», afirmou, xa que Orozco, logo de non facer nada en 12 anos polo barrio da Residencia, agora pretende utilizar aos veciños da zona para manipulalos e así tratar de compensar a súa falta manifesta de ideas.

COMISARÍA.- O popular entende que o barrio da Residencia non é a mellor ubicación para unha residencia de maiores e opina que unha Comisaría de Policía Nacional garantiría moito mellor a recuperación da actividade socioeconómica da zona. 

A este respecto, Castiñeira quixo criticar ao PSOE, xa que este partido está a frivolizar co futuro do barrio ao burlarse da iniciativa popular de levar unha Comisaría á superficie do vello hospital. Segundo o popular, falar de camisería supón unha dobre falta de respecto: por unha banda, aos veciños do barrio e do seu futuro; e, pola outra, ás propias forzas e corpos de seguridade do estado.