Monforte, a 8 de abril de 2011.- A candidata do Partido Popular á Alcaldía de Monforte Julia Rodríguez, Manuel López Eiriz, portavoz municipal e o presidente provincial José Manuel Barreiro compareceron hoxe en Monforte en rolda de prensa para facer un primeiro balanzo das reunións mantidas cos veciños do municipio e con algúns colectivos sociais e económicos para pulsar as súas inquedanzas de cara á vindeira cita electoral.
Os populares coincidiron en salientar o interese amosado polos monfortinos por achegarse e coñecer á candidata e as súas propostas para o municipio, extremo que se puxo de manifesto coa gran afluencia e participación que en xeral rexistraron a treitena de xuntanzas celebradas ata o momento polos distintos barrios e parroquias do concello. Unha participación, atención e interese que agradeceron.
Valoraron por tanto moi positivamente este primeiro contacto directo co electorado que permitiu ademais pulsar a pe de rúa e de primeira man as inquedanzas e necesidades reais que teñen os monfortinos e que o Partido Popular terá moi presente á hora de pechar o seu programa de goberno para Monforte.
O emprego, deficiencias no funcionamento e dotación de servizos básicos e obras de mellora e ampliación de rúas e aceras foron algunhas das reivindicacións recollidas e das que os populares, segundo indicaron, tomaron boa nota.
En xeral, segundo explicaron, constataron que o Concello de Monforte desatendeu ós barrios periféricos e as parroquias. Para o BNG, concluiron, só existiu o centro de Monforte. Algo que, segundo recalcaron, hai que correxir.
Plataforma sanitaria.- Os populares tamén se referiron “ós movementos” da plataforma que “en teoría” defende a sanidade pública da Zona Sur indicando que “este é un tema sospeitosamente recurrente” cando se achegan unhas eleccións.
Tras anunciar que o Partido Popular, e nomeadamente a súa candidata á Alcaldía Julia Rodríguez, non participará no debate convocado para o vindeiro día 28 pola plataforma “como xa lle fixemos constar ós convocantes”, explicaron as razóns desa decisión.
A primeira delas, segundo indicaron, é porque este é un debate ficticio. Nin o hospital se pechou, nin perdeu autonomía como insistentemente aseguraban dende a plataforma hai algo máis de un ano. Máis ben todo o contrario ganou capacidade de xestión e ampliaronse a carteira de servizos desta área sanitaria. É dicir, ningún dos malos augurios que vaticinaba a plataforma hai un ano se cumpliron. Malos pronósticos que, segundo salientaron, foron desmentidos, por activa e por pasiva, pola conselleira de Sanidade e o presidente da Xunta, amén do deputado autonómico Dámaso López e o propio presidente provincial.
Melloras salientables.- Así, como exemplo delo, indicaron que se mellorou notablemente o tempo de espera dos pacientes que requiren unha intervención. Os datos de balanzo de actividade do 2010 dados a coñecer no seu día pola Consellería de Sanidade así o constantan, posto que a espera dos máis graves é de 18 días, por debaixo dos obxectivos xerais marcados polo Sergas de que non superen os 30 días; os de prioridade 2 situouse en 52 días, por baixo por tanto dos 60 que era o obxectivo marcado. Estas esperas medias supuxeron unha mellora salientable con respecto a 2009, cun descenso de 12 e 16 días respectivamente.
A demora media na lista de espera nas consultas de especialistas tamén se reduciu notablemente o ano pasado con respecto o anterior, destacando os casos de oftalmoloxía, que se rebaixou en 60 días (pasou de 108 a 48), e otorrinolaringoloxía, que baixou en 56 días (de 91 a 35).
Todas as probas diagnósticas están por debaixo dos 70 días; a demora global para as primeiras probas diagnóstics está nos 49 días, 7 menos con respecto a 2009.
O número de ingresos incrementaronse un 11 por cento; o número de intervencións un 38% (as programadas aumentaron un 45%, as urgentes un 21 por cento).
Efectuaronse durante o pasado ano diversas obras de reparación e mellora das instalacións; e para este ano está previsto adicar a este cometido un investimento de preto de 500.000 euros, no que se inclúe a adquisición dun novo mamógrafo, por exemplo.
Esto, segundo indicaron os populares, só no que se refire ó centro hospitalario, porque tamén houbo avances nos centros de saúde da área sanitaria tanto no que respecta á mellora e dotación dos propios centros coma a atención e os servizos que se prestan.
Aseguraron asimesmo que este “recurrente debate” ten, “como xa aseguramos hai un ano” un interese partidista e electoral. O que tiñamos claro daquela confirmouse agora tras constatar que as listas coas que BNG e PSOE concurrirán ás vindeiras eleccións locais integran membros desta plataforma.
O que xa dixemos daquela, aseguraron, reiterámolo hoxe: os responsables de xerar esta alarma social sobre o futuro do hospital de Monforte e da súa área sanitaria terán que responder das súas mentiras e imprudencia. Deste xeito e parafraseando á presidenta deste colectivo, os populares indicaron que os veciños de Monforte e a súa área de influencia sanitaria leva 10 meses agardando unha disculpa por parte da plataforma pola alarma que crearon as súas mentiras.